A mostra pictórica "Dende o limiar da cor" de Farruco Mosteir, na Casa ata o 29 de xuño

Notas de prensa
06/02/2015
06/02/2015
02/06/2015

A mostra pictórica "Dende o limiar da cor" de Farruco Mosteir, na Casa ata o 29 de xuño

A Casa de Galicia, delegación da Xunta en Madrid, acollerá ata o día 29 deste mes a mostra de pintura "DENDE O ALBOR DA COR", de Farruco Mosteiro, artista multidisciplinar cuxas obras son berros de cromatismo con ecos que se expanden máis alá dos lenzos. Mosteiro, a quen as musas favoreceron en varias disciplinas, -danza, música e pintura-, é capaz de xuntalas nun mesmo punto, "o seu propio ritmo vital", que marca de igual modo cada unha delas.

O acto de inauguración correu a cargo do coordinador de Actividades da Casa Ramón Jiménez quen nas súas palabras recordou que Farruco Mosteiro é natural da Coruña, cidade na que asistiu aos talleres de Pucho Ortiz e de Alberto Carpo, pintor este último que expuxo nesta mesma sala hai aproximadamente quince anos. "Mestre e alumno unidos neste espazo por un fino fío condutor", dixo seguro de que esta tarde “nos acompaña tamén o invisible Carpo, quen sen dúbida dará a súa aprobación a esta mostra do aproveitamento do seu discípulo Farruco, un pintor desbordante de cor e de pretensións ilimitadas cuxas obras parecen querer escapar dos límites impostos polo marco". Trasladou tamén á sala a imaxe que Farruco evoca, tras aclarar que o artista é ademais de pintor, músico e danzante, termo que prefire ao de bailarín: "Eu a Farruco imaxínomo como aos dervixes danzantes de Konya, como a un místico giróvago que vai esparexendo cores puras como cabos soltos que nos lanzase para que libremente os atásemos segundo a nosa interpretación".

Coincide Jiménez coa autora do prólogo do catálogo Ánxeles Penas, en "o berro de cor" que supón para Farruco, "o pistoletazo de saída dunha aventura mental e cósmica, o seu Big Bang particular, do que nos quere facer partícipes". Neste sentido, aparecen máis imaxes de "unha viaxe polo universo, imaxes fascinantes, comparables, dende o meu punto de vista ás que nos envía de cando en vez o telescopio espacial Hubble. Vaia pois para Farruco Mosteiro a miña felicitación por apostar polo grande, por plantar no diminuto testo dun lenzo a semente do infinito".

Para Farruco Mosteiro "é unha pintura en estado puro, sen ideas prefixadas onde a cor flúe por se mesma, as formas levan a cadencia da natureza, cor e formas teñen un ritmo liberado e universal deste xeito déixannos estimular a fantasía libremente". E engadiu que "é unha pintura intuitiva, sensorial e sensibilizadora, é unha porta á esencia (á alma, ao centro, ao noso ser)".
A forma de entender a pintura de Mosteiro é sentíndoa "ela suxire o transcender a beleza, o contido profundo chegará logo, nun exercicio espiritual entre espectador e cadro".

A exposición, que ofrece cadros de diferentes formatos e variadas texturas, poderá ser visitada ata o 29 de xuño. O horario de luns a sábados é de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Domingos e festivos: de 10 a 14 horas.

02 Xuño 2015
Notas de prensa
Imaxes