A mostra "Realismo contemporáneo" de Belén Fernández Vigo, na Casa de Galicia ata o 28 de marzo

Notas de prensa
03/03/2015
03/03/2015
03/03/2015

A mostra "Realismo contemporáneo" de Belén Fernández Vigo, na Casa de Galicia ata o 28 de marzo

A delegación da Xunta de Galicia en Madrid, Casa de Galicia, acolle ata o día 28 a exposición de pintura "REALISMO CONTEMPORÁNEO", da artista ferrolana afincada en Madrid Belén Fernández Vigo. O seu amor pola beleza é o denominador común de todos os seus cadros. O acto de inauguración correu a cargo do coordinador de Actividades Culturais da institución galega, Ramón Jiménez Pérez e nel interveu tamén a propia pintora Belén Fernández Vigo.

Para Jiménez, o primeiro que chama a atención destas obras é "a satisfacción que produce no espectador a súa contemplación". Son lenzos cheos de cor que "destilan dozura polos catro costados do marco", e fixo un repaso por algúns deles. "Esas nenas tenras, eses patios serenos invitando ao descanso, esas hortensias e eses xeranios cuxa realidade reconstrúe a mirada mentres o ollo lanza a velocidade da luz, dende o punto en que vixía, a súa complexa maquinaria de interpretación do mundo ata o cadro que os acolle. E así os demais espazos pintados de paisaxes, de trampantollos de muíños antigos, de bañistas que nos recordan a Sorolla, de naturezas mortas que eu preferiría dicir silenciosas, eternas na sinxeleza do seu estante, incorruptibles xa porque a man da artista as sacou do esquecemento grazas a que un día as descubriu nunha revolta do tempo onde se tropezou con elas e ou ben fotografounas primeiro para logo inmortalizalas ao interpretalas cos seus pinceis ou inventounas por completo". Destacou ademais "a emoción" que xorde ao observalos, porque limpan a mirada", e comparounos con "bolboretas que Belén atrapou co seu pincel e o seu talento para transmitirnos a experiencia da súa visión da realidade".

Pola súa banda, Fernández Vigo clasifica a súa obra en función da temática. Os patios, xardíns e recantos, ao seu parecer caracterízanse por "ser unha pintura directa con empastes lumínicos e espontáneos, onde se aprecia unha pincelada libre e flexible que nos recorda aos impresionistas do século XIX". Mentres, os bodegóns de obxectos e froitos, "están realizados cunha composición máis clásica e transmiten equilibrio, serenidade e elegancia". Ademais están os retratos de nenos e escenas de praia, nos que "predominan aspectos como a inocencia e a tenrura da infancia". Todos os óleos "están inspirados na beleza". Para Fernández Vigo non tería sentido pintar algo que ela non vise bonito. "Hai tantas cousas fermosas no mundo, que pintar algo que non o fose", para ela sería tal e como asegura, "unha perda de tempo".

 

"Realismo Contemporáneo" de Belén Fernández Vigo poderá ser visitada nas Salas A e B da Casa de Galicia en Madrid ata o 28 de marzo, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Domingos e festivos: de 10 a 14 horas.

03 Marzo 2015
Notas de prensa