"Mureando", exposición colectiva de dez artistas, funcionarios da Xunta, que se exhibe na Casa de Galicia
As obras artísticas -pinturas e fotografías- dunha decena de funcionarios da Xunta de Galicia compoñen a exposición colectiva "Mureando", inaugurada hoxe na Casa de Galicia en Madrid, onde poderá contemplarse ata o próximo día 25. Os artistas son Matilde del Castillo, Luis Cerviño, Piar Feás, Amparo Fernández, Rafael Lampón, Alberto Lorenzo, Xosé Luis Louzao, Jaime Muinelo, Amparo Ribeiro e Amelia Rivera, que foron coordinados para a mostra por Pepa Mariño, tamén funcionaria da Adminsitración pública galega.
Madrid, 2 de febreiro de 2011. As obras artísticas -pinturas e fotografías- dunha decena de funcionarios da Xunta de Galicia compoñen a exposición colectiva "Mureando", inaugurada hoxe na Casa de Galicia en Madrid, onde poderá contemplarse ata o próximo día 25. Os artistas son Matilde del Castillo, Luis Cerviño, Piar Feás, Amparo Fernández, Rafael Lampón, Alberto Lorenzo, Xosé Luis Louzao, Jaime Muinelo, Amparo Ribeiro e Amelia Rivera, que foron coordinados para a mostra por Pepa Mariño, tamén funcionaria da Adminsitración pública galega.
Mariño e o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, presentaron a exposición, acompañados por unha representación dos artistas. "Sorprenderiámonos ao constatar como, baixo o disfrace do perfecto oficinista, moitos destes empregados axitan tempestades emocionais e acometen os seus traballos creativos coas temibles pulsións da alma, o que é imprescindible para que a obra de arte sexa verdadeira", apreciou Jiménez.
Tamén a coordinadora da exposición destacou a faceta artística destes funcionarios que, valorou, contribúe ao enriquecemento persoal e colectivo e de cuxas obras dixo que "establecen un diálogo co público e ao público dan a última palabra".
A prologuista do catálogo da mostra, Esther Ferrer Molinero, afirma que os artistas de "Mureando" "experimentan nas súas carnes inspiradas a acción de "murear", é dicir, traballan con esmero, paixón e dedicación nas súas obras de arte". "A arte posiciónase no espazo físico. A arte "murea" nos espazos da vida. "Mureando" a través de devir histórico, a arte compréndese. O artista labora, a arte "murea" e os muros xa nunca serán barreiras infranqueables", engade.
Visión que comparte Mariño, quen observa que a palabra "murear", que está en desuso no galego actual, é un vocábulo gremial dos canteiros de Pontevedra que indica unha forma de traballar.