Noitarega encheu a Casa de Galicia de música tradicional galega
O grupo de música tradicional galega Noitarega ofreceu hoxe un concerto na Casa de Galicia en Madrid no que interpretou pezas de "XXI", o seu último traballo discográfico, un disco conmemorativo dos máis de vinte e un anos de existencia do grupo, o terceiro editado por esta formación. Fíxoo ante un público que soubo que recoñecer a calidade do seu traballo e corresponder cos seus aplausos.
Madrid, 7 de xullo de 2011.- O grupo de música tradicional galega Noitarega ofreceu hoxe un concerto na Casa de Galicia en Madrid no que interpretou pezas de "XXI", o seu último traballo discográfico, un disco conmemorativo dos máis de vinte e un anos de existencia do grupo, o terceiro editado por esta formación. Fíxoo ante un público que soubo que recoñecer a calidade do seu traballo e corresponder cos seus aplausos.
O grupo foi presentado polo coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen se referiu a el como "unha banda lendaria que, dende o ano 1989 en que se fundou por Xosé Oliveira, Fernando Costas e Xosé María Gutiérrez, gañou a pulso o favor do público". "Dende entón transcorreron 21 anos, que son os que conmemoran agora co seu disco XXI, que nos mostra a evolución do grupo e que conta con algunhas colaboracións de luxo doutros importantes músicos", sinalou.
"Musicalmente falando, tanto os concertos como os traballos discográficos de Noitarega poden considerarse un fito no que a unha nova interpretación da música tradicional galega se refire, pois unen ao sabor do tradicional novas e rechamantes opcións intrumentales e interpretativas, o que logran cunha base instrumental netamente autóctona e cuns arranxos totalmente innovadores, como a combinación de gaitas en diferentes tons, zanfona con pito e requinta ou mesturas de diferentes aparatos de percusión," explicou Jiménez.
O grupo actuou coa súa actual formación, composta polos tres membros fundadores, Xosé Oliveira e Fernando Costas, nas gaitas, e Xosé María Gutiérrez co tambor, aos que se lles suma Telmo Costa, tamén na gaita, e Manuel Alonso, co tambor.
O grupo xa ofrecera outro concerto na Casa, en 2001, recordou Oliveira. "Encántanos tocar na casa e como esta é a Casa de Galicia, estamos na casa, cun público moi acolledor, polo que estamos moi a gusto", anunciou Oliveira ao inicio do concerto, no que foi explicando cada unha das pezas que interpretaban.
Noitarega obtivo numerosos premios e ofreceu concertos tanto por toda a xeografía española (Expo 92 de Sevilla, Festival Internacional de Mérida, Palau de Congressos de Montjúic de Barcelona, etc.) como en países como Francia, Portugal ou Estados Unidos, compartindo escenario con artistas do talle de Luar na Lubre, Berrogüetto, Susana Seivane ou Xosé Manuel Budiño, e consolidándose como un dos maiores expoñentes da música tradicional galega e como un embaixador da cultura galega por todo o mundo.