O almirante Ángel Sande defende que Ramiro Fonte é a Pontedeume o que Novoneyra é ao Caurel
"Se Uxío Novoneyra é a esencia ao Caurel rudo e apartado e Manoel Antonio o canto do mar solitario e misterioso que dende Rianxo se outea, Ramiro Fonte representa o sentir dunha bisbarra na que a fraga pon acentos telúricos e na que o mar, aínda domada ao fondo da ría, a saír fóra dun mesmo invita", valorou o almirante retirado José Ángel Sande referíndose ao poeta Fonte e á súa vinculación con Pontedeume (A Coruña) na conferencia "Un poeta eumés: Ramiro Fonte... e compañía", que ofreceu hoxe na Casa de Galicia en Madrid.
Madrid, 27 de xaneiro de 2011. "Se Uxío Novoneyra é a esencia ao Caurel rudo e apartado e Manoel Antonio o canto do mar solitario e misterioso que dende Rianxo se outea, Ramiro Fonte representa o sentir dunha bisbarra na que a fraga pon acentos telúricos e na que o mar, aínda domada ao fondo da ría, a saír fóra dun mesmo invita", valorou o almirante retirado José Ángel Sande referíndose ao poeta Fonte e á súa vinculación con Pontedeume (A Coruña) na conferencia "Un poeta eumés: Ramiro Fonte... e compañía", que ofreceu hoxe na Casa de Galicia en Madrid.
O conferenciante foi presentado pola coordinadora de Actividades da Casa, Ana Rodríguez, que recordou a súa carreira na Armada, onde ingresou en 1963 e desempeñou diferentes cargos, entre eles o de subdirector xeral de Planificación e Control da Dirección Xeral de Infraestrutura no Ministerio de Defensa, así como a súa actividade de conferenciante sobre temas de diversa índole e colaborador da revista de Marina; tamén que é natural de Pontedeume. Entre os numerosos asistentes á conferencia estaba María Jesús Fonte, irmá do poeta.
Sande, que comparte con Fonte a súa orixe eumés, falou da obra e biografía do seu paisano, protagonista da conferencia -falecido en 2008-, ao que se referiu como "un poeta complexo e intimista ao par" e "un viaxeiro que se nutre aquí e alí do que vida e mundo ofrecen, máis sen deixar de coidar con mimo a súa raíz eumesa,". "Relato dun conxunto de situacións, tarefas e vivencias, ás veces concretas e precisas en fiel contador da realidade, ás veces roldando a fábula; ligada ao humanista e positivo sempre; iso é a obra de Ramiro Fonte", opinou.
Achegar o home
Non obstante, o conferenciante, máis que á obra de Fonte intentou achegar o público ao home, "ás súas circunstancias e sentires", a "a forza tranquila de Ramiro Fonte e a súa relación con outros artistas Puentedeume. Escolleu para os seus oíntes O Cazador furtivo, "unha sorte de autobiografía ou quizais unha declaración de principios, ou aínda de anhelos, que estima encerrou Ramiro neste poema no que, consciente das súas debilidades ou limitacións, á esperanza activa invita, á esperanza que busca lugar máis amable no mundo, mantendo sempre a garda sobre un mesmo, alta e forte," segundo explicou no seu peculiar estilo.
O conferenciante decantouse por elixir os poemas de Fonte segundo as emocións que suscitan nel e escolleu unha serie de obras que falan das reflexións, do mundo e do tempo, do amor, do ánimo e dos anhelos do poeta, "perdéndose ao recitalos por cómaros e corredoiras en compañía dos poetas (C.E. Ferreiro, Novoneyra, Pimentel, C.A. Molina, Manoel Antonio) que ao caso veñen e arroupado polos excelentes cadros e imaxes de Abelardo Miguel e de Tito Ríos".
Opinou, por outra parte que as novelas de Ramiro Fonte aos que máis lle din, aos que máis interesan, é aos eumeses; cualificounas de "tremendamente costumistas", por considérao que os coñecedores do ambiente lles sacan máis partido, e dixo ter lido as tres nun ambiente eumés.