O desenvolvemento e a evolución das técnicas de imaxe na medicina, obxecto dunha conferencia na Casa de Galicia de Madrid

Notas de prensa
06/30/2011
06/30/2011
30/06/2011

O desenvolvemento e a evolución das técnicas de imaxe na medicina, obxecto dunha conferencia na Casa de Galicia de Madrid

A conferencia, "Técnicas avanzadas de diagnóstico por imaxe", enmarcouse no Ciclo Medicina e Saúde que se está a celebrar na Casa

A fusión entre imaxes morfolóxicas e imaxes funcionais mellora os resultados diagnósticos de forma exponencial
 

Madrid, 30 de xuño de 2011.- A evolución da medicina ao longo da historia da humanidade foi paralela e similar ao desenvolvemento que experimentou as técnicas de imaxe. Evolucionouse dunha mera representación anatómica do noso organismo e patoloxías a un estudo molecular que reflicta as alteracións funcionais das enfermidades, segundo explicou hoxe na Casa de Galicia en Madrid o doutor Juan Carlos Alonso Farto, xefe de sección do Departamento de Medicina Nuclear do Hospital Xeral Universitario Gregorio Marañón.

Fíxoo na conferencia "Técnicas avanzadas de diagnóstico por imaxe", que ofreceu dentro do Ciclo Medicina e Saúde, que dirixe o profesor xefe de Medicina Nuclear do Hospital Xeral Universitario Gregorio Marañón, José Manuel Pérez Vázquez, que se encargou da presentación do conferenciante, tras unha introdución ao acto do delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega.

O conferenciante sinalou que ese importante cambio no concepto da imaxe, xunto co impresionante desenvolvemento das ferramentas do coñecemento, leva consigo un cambio na relación medico-paciente. "O médico deixou de ser o centro do coñecemento para converterse no condutor deste, onde os pacientes buscan directamente a realización de probas diagnósticas".

Mellora dos diagnósticos
Na actualidade, dixo, os equipos de imaxe tenden a ser híbridos, fusión entre imaxes morfolóxicas e imaxes funcionais. "A información que destas exploracións se obtén non é só a suma destas senón que esta simbiose mellora os resultados diagnósticos de forma exponencial", expuxo. Segundo explicou, de especial interese é a aplicación da imaxe funcional á delimitación dos campos de radioterapia, reducindo ou ampliando o volume a irradiar e unha mellor selección das terapias a aplicar.

Na súa exposición, o doutor Alonso Farto, tamén abordou dous temas de aplicación, a creación de redes sociais de profesionais onde se discuten os casos clínicos onde se formulan probabilidades diagnósticas e a cirurxía radioguiada. "A imaxe entra nos quirófanos para delimitar e identificar alteracións funcionais que o ollo humano non ve", observou.
 

30 Xuño 2011
Notas de prensa
Imaxes