O documental ‘Anduriña, muller de ida e volta’ inicia na Casa de Galicia en Madrid unha xira por máis de 50 centros galegos de todo o mundo

Notas de prensa
10/30/2024
10/30/2024
30/10/2024

O documental ‘Anduriña, muller de ida e volta’ inicia na Casa de Galicia en Madrid unha xira por máis de 50 centros galegos de todo o mundo

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu hoxe á estrea do documental 'Anduriña, muller de ida e volta' na Casa de Galicia en Madrid, unha peza dirixida por Cristina Pascual e producida por O Faiado Producións. A peza audiovisual recolle os testemuños de 15 mulleres do concello ourensán de Maceda, que compartiron as súas vivencias como emigrantes e as dificultades que enfrontaron na súa travesía de ida e volta entre Galicia e outros países.

O acto contou tamén coa presenza do director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, da directora do documental, Cristina Pascual, e do produtor Alberto Outeiriño. 
Aproveitando o visionado, Miranda destacou a importancia desta obra para preservar a memoria colectiva da emigración galega, poñendo en valor a resiliencia destas mulleres que souberon enfrontarse a retos como a soidade, a distancia e a adaptación a novas culturas.

Tras esta estrea de hoxe en Madrid, o documental iniciará unha xira que percorrerá máis de 50 centros galegos de todo o mundo, levando a historia destas 
mulleres a comunidades de emigrantes en diferentes países pero tamén a centros galegos da península. Este proxecto forma parte dos esforzos da Xunta de Galicia 
por manter viva a conexión entre os galegos do exterior e a súa terra de orixe.

30 Outubro 2024
Notas de prensa
Imaxes