"O Espertar da Mirada: obras mestras da arte occidental", ciclo de conferencias de arte na Casa de Galicia
A Casa de Galicia, Delegación da Xunta en Madrid, iniciou hoxe o ciclo de conferencias de arte "O espertar da mirada: obras mestras da arte occidental", a cargo do profesor de Arte Diego Diz Rodríguez. O ciclo componse de sete conferencias, cunha periodicidade aproximada dunha por mes, nas que Diz comparará tres cadros dunha mesma temática pero de distintas épocas analizando o enfoque e as técnicas que se usan en cada momento.
Madrid, 15 de decembro de 2010. A Casa de Galicia, Delegación da Xunta en Madrid, iniciou hoxe o ciclo de conferencias de arte "O espertar da mirada: obras mestras da arte occidental", a cargo do profesor de Arte Diego Diz Rodríguez.
O ciclo componse de sete conferencias, cunha periodicidade aproximada dunha por mes, nas que Diz comparará tres cadros dunha mesma temática pero de distintas épocas analizando o enfoque e as técnicas que se usan en cada momento. Os cadros seleccionados por Diz para o estudo están todos nos museos de Madrid, de forma que os asistentes ás clases-conferencias, que se ofrecen sobre imaxes proxectadas das pinturas, poden constatar as explicacións do profesor ante a obra orixinal.
O obxectivo do ciclo é, segundo o profesor, a aprendizaxe da linguaxe pictórica, de "un xeito de mirar a realidade", porque, di, "a arte non está separada da vida senón directamente relacionada con ela".
A temática desta primeira sesión foi "Os retratos masculinos" e os cadros analizados: "O cardeal", de Rafael (1510), Renacemento; "Retrato de cabaleiro ancián", de El Greco (1610), paso ao Barroco; e "Retrato de Max Schmidt", de Kokoschka (1914), pertencente á arte moderna do século XX anterior á I Guerra Mundial. A análise fixouse, entre outras cousas, no tratamento do espazo, a luz, a cor e a composición. Ao longo do ciclo abordaranse tamén o retrato feminino, as paisaxes, a cidade, o mar, as parellas e figuras de homes e animais.
O conferenciante foi presentado polo coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen resaltou que Diz é licenciado en Xeografía e Historia, especializado en Arte, pola Universidade Complutense, e que tamén se internou no campo cinematográfico coa produtora Diego Diz Rodríguez.