O Grupo Bilbao de Poesía Galega en Madrid, amigos e admiradores renden homenaxe na Casa a Sabino Torres, editor, escritor e poeta
A Casa de Galicia, sede da delegación da Xunta de Galicia en Madrid acolleu esta tarde a homenaxe ao destacado editor poeta, xornalista e escritor Sabino Torres Ferrer, organizado polo Grupo Bilbao de poesía galega en Madrid. Interviñeron, en representación deste colectivo poético, Miguel Barrera, Fermín Bouza, Yolanda López, Pilar Mera, Manuel Pereira, Begoña Regueiro, Marga Vázquez e Rafa Yáñez; e ademais Antonio Bonet Correa, Inés Canosa, Laura Mundo Torres e Ricardo Pichel, entre outros.
O delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega pronunciou unhas palabras de benvida nas que destacou a personalidade de Sabino, e deu paso ao presentador, o poeta e escritor Vicente Araguas.
Para Araguas, Sabino Torres é todo un símbolo e ségueo sendo cada vez que o ve, unha vez ao mes cando o entra no café Comercial onde se reunen, "co paso firme e decidido, como o dandi que segue sendo".
Sabino Torres (Pontevedra, 1924) é membro correspondente da Real Academia Galega e iniciou a súa andaina xornalística na súa cidade natal en 1943 con Emilio Canda e Celso Emilio Ferreiro. En 1949, coa colaboración de Manuel Cuña Novás e Emilio Álvarez Negreira editou a colección poética Benito Soto, cuxo primeiro director foi Celso Emilio Ferreiro. En 1992 fundou con Álvarez Negreira a colección poética Hipocampo, selo que segue editando poesía.
Na homenaxe proxectouse a película protagonizada por Sabino Torres, "La gran truchada", rodada en 1959, en branco e negro e muda, emulando as antigas, onde a expresividade e o humor son os principais ingredientes. Reflicte un mozo Sabino na súa Pontevedra natal, cun grupo de amigos aos que conta as súas experiencias coa pesca, as súas aventuras, peripecias e esaxeracións, con imaxinación e enxeño.
Despois da película, mostráronse unhas imaxes, da presentación na Casa de Galicia da colección de Benito Soto, coa intervención de Víctor Freixanes, onde definía Sabino como "precursor do periodismo pontevedrés".
Rafael Yañez e Manuel Pereira, coordinaron a homenaxe e Sabino Torres, a punto de cumprir noventa anos, contemplou encantado o sentido recital dos dezasete poemas, un por cada cada un dos dezasete libros publicados na colección Benito Soto, que el editou. Entre os poetas editados están Emilio Negreira, Cunqueiro, Ricardo Carballo Calero, Luís Pimentel, Manoel María, José Ruibal, Celso Emilio Ferreiro...con prologuistas como Anxel Fole, Vicente Risco, Aquilino Igresias Alvariño, Fermín Bouza Brey...
Recitaron: Inés Canosa, Laura Mundo Torres, neta do homenaeado, Marta González, Ricardo Pichel, Vicente Araguas, Begoña Regueiro, Manuel Pereira, Xesús Varela,Yolanda López, Marga Vázquez, Rafa Yañez, Víctor Garabana, Carme Lamela, Miguel Barrera, Xosé Soto (Pepiño da Gaita), Fermín Bouza, Pilar Mera y nuevamente, Laura Mundo Torres. Tamén “estiveron sin estar”, porque mandaron escritos o gravacions, Xesús Alonso Montero, Ana Acuña, e Carmen Megía.
Por último, antes de tomar a palabra Sabino Torres fíxoo Antonio Bonet Correa, presidente da Real Academia de Bellas Artes, quen definiu a Torres como "unha gran persoa, sempre optimista, grande editor, con gran forza disposto a facer cousas".
Pola súa banda, Sabino Torres, quitou importancia a todos os eloxios recibidos. "Sempre mirei para adiante e fixen de todo e non fixen nada", dixo. "Teño noventa anos e hai que renunciar a moitas cousas, pero os amigos non están entre elas". E agradeceu todo o esforzo e organización para coordinar tantas persoas.
Para finalizar, e antes de facer unha gran foto de familia cos amigos e outra coa familia "de sangue", Antonio Bonet Correa entregoulle, en nome de todos, unha placa conmemorativa.