O Grupo de Acción Costeira GAC4 presentou na Casa de Galicia en Madrid el programa MarGalaica Ensina, de turismo escolar
O Grupo de Acción Costeira GAC4 presentou esta mañá na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia o Programa MarGalaica Ensina, de turismo escolar, nun acto no que participaron a subdirectora de Economía Pesqueira do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio, Aurora de Blas Carbonero, a directora xeneral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta de Galicia, Susana Rodríguez Carballo, e a xerente do Grupo de Desenvolvemento Pesqueiro de Fisterra, Ría de Muros-Noia (GAC4), Manuela Oviedo Hermida. Relatores e asistentes foron recibidos polo delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, que lles deu a benvida á Casa e resaltou a importancia do labor que desenvolven.
A presentación estaba dirixida a representantes de centros escolares e asociacións de pais da Comunidade de Madrid co fin de atraer público escolar desta comunidade ao litoral galego. Tamén había entre os asistentes representantes de axencias de viaxes.
O programa Mar Galaica Ensina, pioneiro en Galicia, intenta achegar ao público escolar -de educación infantil, primaria e secundaria- a oferta de experiencias relacionadas co mundo mariño e a pesca artesanal que existe na franxa litoral que abrangue de Porto do Son a Fisterra e provocar nel un cambio de actitude no respecto do medio mariño e uns hábitos de consumo responsable dos produtos do mar. Trátase dun programa financiado con fondos públicos (FEP, Magrama e Xunta de Galicia) que actúa a través de actividades culturais, ambientais e deportivas.
MarGalaica, responsable do programa MarGalaica Ensina, é un club de turismo mariñeiro creado para poñer en valor as actividades económicas do sector do mar dun xeito accesible para o visitante, que traballa con criterios de calidade no servizo. Un Grupo de Acción Costeira, como no que está enmarcado MarGalaica, é un grupo de carácter supramunicipal e sen ánimo de lucro, formado por axentes públicos e privados da zona, con especial protagonismo dos pertencentes ao mundo pesqueiro; o seu principal obxectivo é fomentar o desenvolvemento local e o fortalecemento da capacidade organizativa do sector pesqueiro, a estimulación da innovación e unha diversificación para os profesionais do mar, buscando a continuidade e estabilidade sostible deste sector.
Máis información en www.margalaica.net/ensina.