O ILUSIONISTA PONTEVEDRÉS LUIS BOYANO VOLVEU DELEITAR AO PÚBLICO NA CASA DE GALICIA EN MADRID

Notas de prensa
03/12/2015
03/12/2015
12/03/2015

O ILUSIONISTA PONTEVEDRÉS LUIS BOYANO VOLVEU DELEITAR AO PÚBLICO NA CASA DE GALICIA EN MADRID

O recoñecido ilusionista pontevedrés Luis Boyano volveu sorprender na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia co espectáculo teatral "30 anos de maxia e humor" co que esta tarde fixo as delicias do numeroso público que acudiu á convocatoria, moitos dos cales recordaban outra exitosa actuación súa no mesmo escenario, hai máis de dous anos.

O espectáculo que nesta ocasión ofreceu o ilusionista, durante unha hora, é unha recompilación dalgúns dos xogos que realizou ao longo da súa carreira e cos que máis éxitos obtivo. É de recordar que Luis Boyano, actor, presentador, mago e mimo, leva máis de trinta anos paseando os seus espectáculos por toda España e que tamén os representou en Colombia, Brasil, Francia, Portugal, Austria e Alemaña.

En representación do delegado da Xunta de Galicia, José Ramón Ónega, Boyano foi presentado polo coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen sinalou que o espectáculo tiña lugar coincidindo coa celebración en Madrid do Festival Internacional de Maxia e se referiu ao ilusionista como "un dos mellores artistas que acertamos a desexar, todo un psicólogo do escamoteo" e "un gran comunicador, mestre de cerimonias, un mago tamén da palabra, grazas ao cal chega ao corazón do público dunha forma atractiva e diferente".

Luis Boyano é licenciado en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e especializado en Psicoloxía Pedagóxica na Universidade Complutense de Madrid, ademais de formarse en campos artísticos como Interpretación, Expresión Corporal, Pantomima, Clown e Maxia. Fixo teatro e televisión e internouse no mundo empresarial sendo o primeiro en introducir en España a "Maxia corporativa" como nova forma de comunicar mensaxes de grandes empresas. En 1997 creou "Solucións Máxicas", empresa que dirixe e está dedicada á contratación artística e á realización e deseño de eventos. É profesor do Real Centro Universitario Escorial-María Cristina, no Programa Universitario de Ilusionismo "Wenceslao Ciuró".

12 Marzo 2015
Notas de prensa
Imaxes