O médico y académico García Barreno disertou na Casa de Galicia sobre o uso da linguaxe na medicina

Notas de prensa
01/12/2012
01/12/2012
12/01/2012

O médico y académico García Barreno disertou na Casa de Galicia sobre o uso da linguaxe na medicina

"A pesar do éxito espectacular da medicina científica, numerosos problemas cos que se enfronta o médico non teñen solucións científicas; son cuestións legais, éticas ou morais que esixen máis que un coñecemento formal, outro filosófico; unha experiencia tradicionalmente relacionada coa literatura", expuxo hoxe o médico e membro da Real Academia Española Pedro R. García Barreno na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia, onde ofreceu a conferencia "Medicina e Humanismo: un médico na Real Academia Española".

Madrid, 12 de xaneiro de 2012. - "A pesar do éxito espectacular da medicina científica, numerosos problemas cos que se enfronta o médico non teñen solucións científicas; son cuestións legais, éticas ou morais que esixen máis que un coñecemento formal, outro filosófico; unha experiencia tradicionalmente relacionada coa literatura", expuxo hoxe o médico e membro da Real Academia Española Pedro R. García Barreno na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia, onde ofreceu a conferencia "Medicina e Humanismo: un médico na Real Academia Española".

García Barreno estivo acompañado polo delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, e polo profesor xefe de Medicina Nuclear do Hospital Xeral Universitario Gregorio Marañón, José Manuel Pérez Vázquez, que dirixe e coordina o Ciclo Medicina e Saúde, no que se enmarcou a conferencia. Na súa presentación, Ónega resaltou que García Barreno é o único médico membro da Real Academia Española, onde ocupa o sillón "a", e Pérez Vázquez referiuse a el como "un dos grandes en medicina, investigación e humanismo e todo iso sen perder nunca a proximidade", ademais de recordar, entre outras cousas, que foi director médico e subdirector de Investigación do Hospital Gregorio Marañón, é catedrático de Fisiopatoloxía e Propedéutica Cirúrxicas na Universidade Complutense de Madrid e académico de, entre outras, a Real Academia Galega de Medicina e Cirurxía.

Segundo o académico, "con demasiada frecuencia o profesional ben adestrado non está ben educado. Esta alienación é o prezo que pagan os médicos pola súa ilustración científica e a súa capacitación tecnolóxica" e "a literatura pode ser unha axuda eficaz á hora de buscar solucións que afectan directamente á nosa condición humana e o espazo para imaxinar como encontrala”.

Literatura e medicina

"A literatura está en condicións óptimas para mostrar a realidade humana da medicina. Lonxe da artificialidade, a conxunción de literatura e medicina é natural e mesmo esencial. Un documento literario non terá nunca o valor de exactitude dun códice científico, pero, por estar inspirado na directa observación da realidade, proporciona o subsolo histórico sobre o que, en cada época, arraigou a medicina científica. Nunca será posible chegar ao total coñecemento da medicina nun período determinado, se se prescinde dos documentos literarios," explicou, sinalando que existe a partir da década dos oitenta, un interese crecente polas artes e a literatura en medicina".

Así, indicou que nun par de ducias de facultades de medicina do ámbito anglosaxón, os cursos de literatura perseguen varios obxectivos: ensinar empatía co enfermo, escudriñar as peculiaridades da vida médica e do papel do médico na sociedade e na cultura, desentrañar os dilemas da ética médica e mellorar o uso das formas narrativas na realización do historial clínico.

"Tales usos médicos da literatura axudan a temperar o avasalamento tecnolóxico ao que os médicos cientificamente adestrados parecen ser especialmente susceptibles. A inclusión dos humanidades presupón un concepto particular de educación que ten que ver moito coa clase de médico que a sociedade require. O enfermo quere un médico educado; alguén que non só teña habilidades clínicas, coñecemento e experiencia, senón tamén que aprecie cada paciente como un ser humano que pensa e sente, e que axude a explicar e a comprender a enfermidade e o sufrimento".

"Cando os nosos estudantes, e nós primeiro, aprendesen a aproximarse ás historias clínicas que escriben e len dende unha perspectiva literaria responsable, o seu coñecemento dos pacientes e das súas enfermidades terá crecido en paralelo, en detalle e en profundidade. En canto que un valor engadido para os médicos, que é tamén unha plusvalía para o paciente, esa formación humanística lles incrementará a súa autoestima. Ao ser mellores lectores, serán mellores médicos. A educación é máis que adestramento", valorou.

Linguaxe médica

Ademais, García Barreno fixo un percorrido histórico polo uso da linguaxe médica e valorou que hai que facer fronte "á inundación de voces estranxeiras que subministra o universal pulo creador da ciencia en todo o mundo e que nos chega coa súa terminoloxía nova, groseiramente vernizada, polo común, ao adaptarse ao castelán,", así como que o idioma español ten que considerar a preocupación lingüística como parte esencial do seu progreso.

"Como unha variedade da linguaxe científica, a linguaxe médica, que desenvolveu todo un léxico que case supera o número de palabras do léxico común, debe definir con moita precisión os signos e palabras que utiliza; debe ter carácter «denotativo» ou rigor para conseguir unha comunicación universal. Debe evitar os barbarismos, que atentan contra a fisioloxía da linguaxe. Están ben algunhas próteses -neoloxismos-, pero non está ben alterar o seu metabolismo, xeralmente por traducións viciosas. Ademais, a linguaxe médica debe ter ritmo, pero non excesivo colorido. Tamén convén evitar o exceso de retórica, o abuso de siglas, os cambios de xénero, os pleonasmos, as elipses e os xerundios", defendeu, considerando que con frecuencia se utiliza o inglés porque se ignora o termo técnico hispánico.

Non obstante, apreciou tamén que a realidade non sempre se axusta a uns parámetros teóricos predeterminados e que o léxico non é unha excepción. Neste sentido sinalou que cando un termo se sae do seu recinto de linguaxe especial e irrompe na lingua común o único dono do seu destino é o falante común e que o léxico científico e técnico evoluciona con enorme rapidez, o que xunto á consolidación do inglés como lingua aglutinante favorece a proliferación de neoloxismos procedentes na súa maioría da cultura anglosaxona.

12 Xaneiro 2012
Notas de prensa
Imaxes