"O pausado Camiño Inglés": Outra forma de chegar a Compostela
A delegación da Xunta en Madrid acolleu esta mañá, coincidindo coa maior Feira Internacional de Turismo (FITUR) a presentación da Guía “O pausado Camiño inglés; The Slow English Way”, edición bilingüe de peto e divulgativa sobre unha das rutas xacobeas máis atractivas e a máis descoñecida e menos transitada de todas. Esta publicación, que inclúe códigos QR que permiten descargar material audiovisual sobre cada unha das etapas desta ruta, é un dos froitos do convenio de colaboración da Deputación da Coruña coas Asociacións de Hostalería de Ferrol, A Coruña, Santiago e Hospeco en 2012, para a desestacionalización do turismo nesta provincia.
No acto, presidido polo delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega, interviñeron o presidente e vicepresidente de Hospedaxe da Asociación Hostalería Compostela, José Manuel Otero e Carlos Tardáguila; o presidente da Cámara de Comercio de Compostela, Jesús Asorey; e o coordinador da guía, Aser Álvarez.
Ónega, tras as palabras de benvida fixo referencia á gran cantidade de actos destes días, pero “o corazón é grande e hai espazo para todas as propostas, especialmente para apostar polo Camiño Inglés, que debe recuperar o esplendor de tempos pretéritos”.
Pola súa banda, Otero destacou o apoio recibido da Deputación coruñesa na rehabilitación do Camiño Inglés, unha aposta segura porque ”Santiago é a mellor marca que temos e o gran eixo turístico
Para Asorey, esta ruta implica “unha nova filosofía do Camiño” e explicou que non se trata de marcas nin de facer unha chea de quilómetros cada día”. Aquí o obxectivo “é gozar o Camiño, vivilo intensamente, algo que adoita estar rifado coas présas que nos empuxan na vida diaria e por iso é ideal para deixalas atrás”.
Para Aser, “temos que empezar a falar dos “camiños”, porque hai moitos para chegar a Compostela e en concreto este foi a vía máis utilizada polos países da Europa atlántica, escadinavos, flamencos, ingleses, escoceses, irlandeses e galeses por mar ata Ferrol e A Coruña, e tamén era a mellor opción en tempos conflitivos. “É o máis descoñecido de todos os camiños que levan a Compostela e o itinerario menos frecuentado”, dixo Aser, “das poucas rutas xacobeas aínda por descubrir, debido a un esquecemento secular que fixo deste itinerario a alternativa ideal para os que buscan unha experiencia auténtica á marxe de masificacións e carreiras para chegar ata o seguinte albergue. Menos do 2% dos peregrinos que chegan a Compostela escollen esta ruta milenaria e dual, marítima e terrestre, rural e urbana. Velaí boa parte do seu encanto”. É ideal para quen só teñen catro, cinco días ou unha semana e tamén indicado para persoas maiores ou de mobilidade reducida.
Se a ruta iníciase en Ferrol, pasa por Pontedeume, Betanzos, Bruma, Sigüeiro e Santiago. Se parte de Coruña vai directamente a Bruma onde se une á que vén de Ferrol.
A guía presentada é moi manexable e será un elemento de gran axuda na ruta que condensa o mellor da Galicia costeira e interior, con valores singulares e únicos como o patrimonio histórico, represetando polo Ferrol da Ilustración, tres elementos Patrimonio da Humanidade (a Torre de Hércules, o centro histórico de Santiago e os Camiños de Santiago) ou as vilas medievais como Betanzos ou Pontedeume, así como as innumerables igrexas, conventos, hospitais e ermidas do camiño. A gastronomía é outra das singularidades cos mellores produtos do mar de Galicia, mariscos e peixes frescos, ata as premiadas tortillas de Betanzos, os viños autóctonos, os queixos e lácteos, as carnes excelentes ou os famosos grelos de Ordes... sen esquecer a hospitalidade dos habitantes de cidades, pobos e aldeas, que reciben con gran afecto aos aínda non moitos peregrinos.