O profesor de Arte Diego Diz ilustrou sobre o tratamento de Cristo na pintura, no ciclo "Obras mestras da pintura"
A relación entre a pintura e a relixión e o tratamento pictórico da figura de Cristo foi a temática abordada esta tarde na Casa de Galicia en Madrid polo profesor de Arte Diego Diz na que foi a segunda sesión do ciclo de clases-conferencias "Obras mestras da pintura do século XV ao século XX", que precisamente levaba por título "Pintura e relixión, achegamento á figura de Cristo".
Nesta ocasión Diz comparou, analizou e instruíu os asistentes sobre as obras de Antonello de Messina "Cristo acompañado dun anxo", de 1475, de El Greco "A crucifixión", de 1600, e de Velázquez "Cristo na cruz", de 1635.
En nome do delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, presentou a sesión o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen deu a benvida ao público a "esta sen dúbida interesante lección que a continuación imos recibir de nuestro pedagogo artístico Diego Diz.
O ciclo está composto de seis sesións, ten periodicidade bimestral e impartirase ao longo deste ano. Ademais do autorretrato e a relación entre a pintura e a relixión, temas que protagonizaron as dúas primeiras sesións, abordarase o universo feminino, a paisaxe, visións da cidade e o bodegón.