O profesor Jara Albarrán advirte seriamente sobre os efectos das chamadas "dietas milagre"

Notas de prensa
10/29/2011
10/29/2011
29/10/2011

O profesor Jara Albarrán advirte seriamente sobre os efectos das chamadas "dietas milagre"

O 37% dos adultos españois presentan sobrepeso e o 16% obesidade. O sobrepeso infantil chega ao 45,2% en nenos de 6 a 9 anos

O 31% dos españois con sobrepeso seguiu algunha vez unha "dieta milagre"

Madrid, 29 de setembro de 2011. - O 37% dos adultos españois presentan sobrepeso e o 16% obesidade, segundo datos oficiais de 2009 recordados hoxe na Casa de Galicia en Madrid polo catedrático de Medicina segoviano Antonino Jara Albarrán, na conferencia que ofreceu, "Nutrición e saúde no século XXI. Dietas científicas e dietas milagre", na que advertiu seriamente sobre os efectos destas últimas. A conferencia enmarcouse no Ciclo Medicina e Saúde que dirixe o profesor de Medicina Nuclear do Hospital Xeral Universitario Gregorio Marañón José Manuel Pérez Vázquez, quen presentou os amplos méritos do conferenciante -profesionais, académicos e de investigación-, acompañado polo delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, quen resaltou a actualidade do tema da conferencia.

 

O doutor Jara, especialista en Endrocrinología e Nutrición, comentou a recente "Lei de Seguridade Alimentaria e Nutrición", en especial a súa referencia á obesidade infantil, problema importante hoxe en día, pois o sobrepeso chega ao 45,2% en nenos de 6 a 9 anos, segundo o "estudo Aladino" publicado hai poucos meses. Neste ámbito advertiu de que a obesidade infantil é un reflexo do que acontece nos adultos e de que a obesidade en xeral é un problema importante, cunha repercusión económica e social crecentes, que afecta aos individuos, á saúde pública e ao gasto sanitario. "As sociedades científicas propoñen, como loita contra a obesidade, unha información alimentaria a toda a poboación, empezando dende a infancia, e practicar unha alimentación saudable xunto con exercicio físico diario", recomendou.

 

Diversidade de "dietas milagre"

Sinalou que o 31% dos españois con sobrepeso seguiu algunha vez unha "dieta milagre", definidas polo conferenciante como "aquelas que prometen perder peso de forma rápida, sen esforzo e sen prexudicar á saúde,". "Non obstante iso non é así de sinxelo nin tan verdadeiro. Unhas ´dietas milagre´ son desequilibradas porque aconsellan comer moito duns alimentos e pouco doutros, o que conduce a carencias vitamínicas e/ou minerais con desequilibrios metabólicos perigosos para a saúde; outras son disociativas, isto é, aconsellan comer de todo pero de forma separada para evitar comer xuntos certos alimentos, o que carece de fundamento científico. Un terceiro grupo constitúeno as dietas excluíntes, que eliminan alimentos que teoricamente senta mal a unhas persoas pero non a outras, o que non se sustenta cientificamente", explicou, comentando con detalles algunhas das máis coñecidas, como a da Clínica Maio, a do Dr. Atkins, do Dr. Montignac, dieta da Lúa, dieta da sopa, Test de Alcat, a hiperproteica de Dukan, tan de moda, a do Dr. Cohen, etc.

 

Jara recordou que as sociedades científicas non recomendan as "dietas milagre" xa que poden ter graves inconvenientes. "Por unha parte a perda de peso moitas veces é falsa, xa que se perde máis auga que graxa corporal e ademais se pode perder masa magra, isto é músculos e forza corporal (non nas hiperproteicas) e varias delas adoitan producir cetse e halitose. Outras poden ocasionar afectación renal, hiperuricemia e aumento do colesterol con maior tendencia á aterosclerosis. Son especialmente perigosas en persoas con patoloxía renal, hepática ou cardíaca. Tamén, con frecuencia, ao deixar a dieta sobrevén un rebote de aumento de peso que inutiliza a perda anterior. Todo iso unido a un importante custo económico para cada individuo, baseado nun negocio comercial de aparencia científica que moitas delas levan consigo," expuxo, recomendando o seguimento dunha dieta equilibrada, como a dieta mediterránea (rica en froitas, verduras, cereais, legumes, pescados, lácteos e aceite de oliva), moderación nas comidas e o exercicio físico regular.

 

Educación alimentaria

Ademais, apuntou como fundamental a educación sanitaria e alimentaria dende a infancia e a toda a poboación, para coñecer os fundamentos da nutrición, a composición dos alimentos e que o mantemento do peso é unha cuestión de balance enerxético. "Gáñase peso se se come máis, se está alterado o metabolismo ou gastan menos calorías. O sedentarismo e o ocio pasivo, tan frecuente hoxe en día fronte ao televisor ou as consolas, é moi prexudicial para a saúde".

 

En resumo, indicou que unha alimentación saudable debe ser variada, equilibrada e de acordo a cada individuo, como parte dun estilo de vida saudable e que debe ir unido á práctica de exercicio de forma regular, vinculando a nutrición coa saúde dos individuos e da poboación, así como a súa influencia na prevención de diversas enfermidades como a obesidade, diabete, enfermidades cardiovasculares e cancro.

29 Outubro 2011
Notas de prensa
Imaxes