O talento galego en Madrid reúnese na Casa de Galicia
A Casa de Galicia en Madrid acolleu esta tarde o encontro "Talento Galego en Madrid", organizado pola asociación Más Debate e dirixido a mozos menores de 35 anos. Nesta xornada, presidida polo director da Casa de Galicia, Luis E. Ramos, participaron Carlos López-Quiroga, socio de Uría Menéndez Abogados, e Javier García Seijas, socio de EY España, que compartiron as súas experiencias e coñecementos cos asistentes.
O director da representación institucional da Xunta lembroulles a todos os asistentes que “na Xunta de Galicia teñen un aliado” e animounos a soñar, a non renunciar a nada, tendo en conta todos os apoios, plans e proxectos que ofrece o goberno galego. Así mesmo, salientou que "Galicia é terra de xente con talento, de sempre".
Para ilustrar o potencial emprendedor galego, Ramos mencionou figuras como Eduardo Barreiros, que revolucionou a industria da automoción; Amancio Ortega, fundador dun imperio textil; Amancio López Seijas, á fronte dunha cadea hoteleira; e Yaiza Canosa, creadora dun xigante loxístico. Estes son algúns exemplos que reflexan o espírito innovador e a capacidade empresarial que caracteriza Galicia.
Neste ámbito a Casa de Galicia pretende ser un referente na capital do Estado. Coa implantación da Oficina Económica de Galicia, a representación da Xunta en Madrid será de gran apoio para todos aqueles mozos que pretendan investir en Galicia.