Plácido L. Rodríguez trasládanos á India dende a Casa de Galicia a través da exposición "Arquitecturas da alma"

Notas de prensa
01/11/2012
01/11/2012
11/01/2012

Plácido L. Rodríguez trasládanos á India dende a Casa de Galicia a través da exposición "Arquitecturas da alma"

O fotógrafo ourensano Plácido L. Rodríguez expón na Casa de Galicia en Madrid a mostra "Arquitecturas da Alma", unha colección de fotografías en cor realizadas na India e Nepal coa que este profesional da imaxe retoma a fotografía de viaxe que domina na súa traxectoria. A mostra ocupa dúas salas da Casa e pode verse ata o próximo 30 de xaneiro.

Madrid, 11 de xaneiro de 2012. - O fotógrafo ourensano Plácido L. Rodríguez expón na Casa de Galicia en Madrid a mostra "Arquitecturas da Alma", unha colección de fotografías en cor realizadas na India e Nepal coa que este profesional da imaxe retoma a fotografía de viaxe que domina na súa traxectoria. A mostra ocupa dúas salas da Casa e pode verse ata o próximo 30 de xaneiro.

Na inauguración da exposición, o fotógrafo foi presentado polo director do Centro Cultural Isabel de Farnesio, de Aranjuez, Francisco Gordillo, e polo coordinador de actos da Casa, Ramón Jiménez, os que resaltaron que o fotógrafo consegue trasladar o espectador ao misticismo da India e o seu cromatismo e que vai moito máis alá da intencionalidade estética na súa obra.

Rodríguez explicou que a súa forma de traballar variou en función dos países que visitou e que na India encontrou espontaneidade e a posibilidade de observar sen molestar. A diferenza das fotografías que realizou noutras viaxes, para as que elixiu o branco e negro, nesta ocasión decantouse pola cor porque, precisamente, "a India é un estalido de cor". Alí, centrou a súa atención nos retratos da xente coa que estableceu contacto e nos lugares que definen a cultura desa xente, como a arquitectura. "De aí o título da exposición, que busca o equilibrio entre a xente e a súa arquitectura,". "O reto agora é o contacto co espectador. O éxito conséguese na medida que se alcance un vínculo entre o espectador e a obra".

Lonxe dos tópicos

Manuel Blanco Luis, profesor xubilado e gran coñecedor da India e Nepal, onde viaxa con asiduidade, aprecia no catálogo da exposición que "da contemplación destas imaxes da India, tamén poderiamos dicir admiración, xorden multitude de sensacións na mente ou o corazón de quen as mira". Considera que a mestría do artista afasta o espectador dos tópicos e ideas preconcibidas sobre a India e ofrece "fulgores de humanidade, de paisaxe, de sorpresa, de intuición, fulgores cotiáns pero non asépticos; fugaces pero con alma".

Blanco sinala así mesmo que o que máis lle chamou a atención nas fotografías foi "a mirada de case todos os personaxes retratados". "A través dela si se pode un encontrase con ese país fascinante e complexo que é a India. Case teño a impresión de que non fun eu quen se detivo a contemplar as fotografías. Máis ben foron elas as que me observaron a min", valora.

A maior parte da obra de Plácido L. Rodríguez é documental, froito das súas viaxes nos últimos trinta anos, pero tamén cultiva o retrato. As súas fotos foron publicadas nas mellores revistas de fotografía, ocupando varias veces as súas portadas: Arte Fotográfica, FV Actualidade, Diorama, Álbum, La Fotografía, Fotrografías. Rodríguez realizou numerosas exposicións ao longo da súa traxectoria profesional, recibiu diferentes premios e a súa obra encóntrase en distintos organismos, tanto públicos coma privados.

11 Xaneiro 2012
Notas de prensa
Imaxes