Presentación da guía "A RIBEIRA SACRA", do historiador Manuel Garrido, na Casa do Libro
O xoves, 19 de outubro, ás 20 horas, preséntase na Casa do Libro (rúa Mestre Vitoria, 3, zona Porta do Sol de Madrid) "A Ribeira Sacra. Guía práctica", do historiador Manuel Garrido. No acto intervén tamén o xornalista Pepe Domingo Castaño. A obra recolle, de forma exhaustiva, o amplo territorio situado no corazón de Galicia, a súa natureza, patrimonio monumental e información práctica totalmente actualizada.
Esta guía práctica da Ribeira Sacra dá a coñecer ao visitante os encantos que esta comarca foi gardando ao longo dos séculos. Os ríos Miño e Sil son os protagonistas para o viaxeiro. No seu lento fluír discorren escoltados polos profundos e grandiosos canóns que marcan a fisonomía desta terra. A tradición dos viñedos e os seus ricos viños; os mosteiros e as igrexas, testemuñas do esplendor medieval; a exuberancia da súa natureza e as súas especies; a profundidade e fermosura dos seus bosques de carballos e castiñeiros; os seus encantadores carreiros; os seus pazos; as súas reitorais; e mesmo o seu acougo..., todo está recollido e documentado nesta guía práctica escrita por Manuel Garrido. Excursións, consellos, turismo rural, rutas, arte, historia, cultura, todo tipo de información práctica, mapas e fotografías abren esta guía ao visitante para descubrirlle unha das zonas máis fermosas da Península Ibérica.
Manuel Garrido Rivero (Segovia 1964), é licenciado en Historia e pasou os veráns da súa infancia en Xunqueira de Espadanedo (Ourense), de onde é orixinaria a súa familia paterna. Co paso dos anos esta vinculación intensifícase ata establecer na Ribeira Sacra a súa segunda residencia. É autor de libros e artigos relativos ao Camiño de Santiago. Escribiu a primeira Guía práctica do Camiño Portugués (2004) e participou na redacción da Gran Enciclopedia del Camino de Santiago. Dicionario de la cultura jacobea (2010). É tamén socio fundador da Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago.