Presentación en Madrid do libro "Falemos de ourensanía" de José Manuel Baltar publicado por Auga Editora
A Casa de Galicia acolleu hoxe a presentación do libro "Falemos de ourensanía", de José Manuel Baltar Blanco publicado por Auga Editora. No acto, que presentou o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, intervenieron ademais do autor, o senador, José Manuel Barreiro Fernández; o director do diario ABC, Bieito Rubido Ramonde e o editor, Xosé A. Perozo.
Tras as presentacións e saúdos, Ónega destacou que, "os políticos adoitan falar da súa xestión cando se xubilan, cando volven a vista atrás e evocan o que fixeron. É unha forma de volver vivir, un modo de xustificar a súa xestión,", e o singular é "encontrar testemuños escritos en plena louzanía da xestión encomendada, como é o caso de José Manuel Baltar, que exerce plenamente o oficio político como presidente da Deputación de Ourense, dende o 6 de febreiro de 2012, e foi actor activo doutras moitas responsabilidades que antes desempeñou".
O delegado da Xunta en Madrid, citando a Goethe dixo que "escribir é oficio laborioso", e José Manuel Baltar "soubo encontrar tempo e lugar para condensar nun libro a súa peripecia vital como actor político", resaltando especialmente a pasaxe que di: Os principais valores que debe acreditar un político son ou traballo, a dedicación, ou sentidiño e a lealtade. “O que el chama humanizar a política".
Segundo Barreiro, con José Manuel Baltar, encontrámonos ante unha figura con formación académica que lle dá un respaldo a todos os niveis", e trátase de "unha persoa valente e comprometida, algo moi importante sempre e especialmente en política. Baltar di o que pensa porque o meditou e non recorre ao agradar por agradar; as cousas como son e como el as ve".
Para Bieito, que iniciou as súas palabras aludindo ao cura do seu pobo, don José, cando dicía que agradecía a Deus que o tivese posto en Cedeira aínda que no mundo había lugares marabillosos, estableceu un paralelismo con Baltar que admirando a Iberoamérica, e a Europa, por enriba de calquera lugar, se sente de Ourense.
Bieito dixo que no aspecto político, e nestas circunstancias "hoxe máis que nunca, é necesario"menos sentimento e máis pensamento. Necesitamos que os políticos sexan menos sentimentais e máis racionais".
Pola súa banda, Baltar, que dixo na súa intervención que "este libro fala dun sentimento integrador, aberto ao mundo, propio dun pobo traballador e imaxinativo, fillo da emigración e que moito achegou ao galleguismo político". Ademais de evocar a figura de Luís González Tosar "o creador do neoloxismo Ourensanía, autor tamén dun manifesto de afirmación deste concepto que non entende de límites xeográficos e si de tolerancia e riqueza cultural", pasou tamén revista á súa experiencia pública e analizou "a importancia das deputacións ou gobernos provinciais, reivindicando unha tripla reforma: competencial (en trámite co proxecto de lei de racionalización e sostibilidade da administración local), de financiamento (necesaria para completar a expresión "unha administración, unha competencia") e do réxime electoral (propoño a elección directa do presidente da deputación e do resto de deputadas/os), así como o concepto de "democracia substantiva" onde avogou "por unha maior proximidade entre cidadáns e políticos, dándolle máis valor e certeza ao destino da papeleta electoral".
A publicación, en palabras de Perozo, é "un compendio de reflexións sobre a realidade política actual, especialmente centrado no seu interese pola provincia de Ourense, a Deputación Provincial, que el dirixe, e a necesidade de pensar e construír o futuro sobre as bases do existente".