Presentación en Madrid do poemario "Me diste la tierra" de Branca Vilela

Notas de prensa
11/19/2013
11/19/2013
19/11/2013

Presentación en Madrid do poemario "Me diste la tierra" de Branca Vilela

A delegación da Xunta en Madrid acolleu a presentación do poemario “Me diste la tierra", da poeta coruñesa de Fisterra, Branca Vilela, publicado por Edicións Pigmalión, un libro sobre sentimentos e reflexións. No acto, cuxa presentación correu a cargo do coordinador de actividades da Casa, Ramón Jiménez, interviñeron, ademais da autora, o crítico literario e escritor Vicente Araguas; o poeta, escritor e artista, Ramón Irigoyen; a escritora Gloria Nistal; e o presidente do Grupo editorial Sial-Pigmalión Basilio Rodríguez Cañada.

"Para a presentación temos un equipo de luxo", comentou Jiménez. "Son moitos os integrantes desta mesa, en realidade non cabemos máis aquí; pero aínda poderían ser moitos máis os voluntarios dispostos a defender o libro de Branca, e non me estraña porque a calidade e a calidez dos seus poemas, por certo dunha cadencia que harmoniza completamente co meu gusto, predispoñen calquera amante das palabras a dar un paso á fronte nese sentido". E engadiu que “Poderían estar aquí tamén, sentados a esta Mesa, Carlos Duarte, autor do prólogo do libro; ou José Antonio Canedo, autor da suxestiva fotografía da portada, ou Luis Mendivil, autor da non menos suxestiva fotografía da contraportada, ou a mesma Ángela Sayago, que cos seus coñecementos profesionais e a súa sensibilidade literaria pon a alma en todos os traballos que realiza dende a sala de máquinas deste acoirazado que é o Grupo Sial-Pigmalión baixo o firme mando do incansable capitán Basilio".

Para Basilio, a "Casa é sempre un lugar acolledor onde dar a luz un novo libro, arroupado polo afecto dos padriños e amigos da criatura", e fixo un pequeno repaso pola traxectoria literaria dos integrantes da mesa. Tamén sinalou "a gran canteira de autores galegos que editan con Pigmalión, "de feito o 25 por cento dos nosos autores son galegos".

Para Gloria Nistal, "os galegos teñen unha gran vantaxe á hora de escribir poesía. É máis doado para alguén que nace en Galicia, que en calquera outro lugar", dixo. Nistral fixo unha "deconstrucción" dalgúns poemas de Branca, "unhas imaxes que roubaría a punta de pistola, polo marabillosas que son", sinalou e relatou algunhas, que "ao igual que en Rayuela de Cortázar poderían lerse con diferente orde e resultarían igualmente fermosas".

Pola súa banda, Vicente Araguas, empezou explicando a broma coa que saudara a Branca dicindo:  “son o fillo de Vicente Araguas e veño en nome do meu pai á presentación do teu libro", ao que ela lle deu as grazas pregándolle que lle transmitise tamén o seu agradecemento ao seu señor pai. “Non sei como tomalo”, comentou Araguas pícaro e moi sorrinte. “Non sei cantos anos pensarías que teño, para poder pasar por meu fillo". En relación ao libro manifestou “algo que non adoito facer habitualmente: Encántanme os teus poemas. Levo días enguedellado nos poemas de Branca". Noutro momento engadiu: "Viñeches ata aquí en busca de recoñecemento; e o meu, xa o tes".

Tamén Irigoyen insistiu, aínda que no seu ton humorístico e sarcástico tan persoais, a vantaxe dos galegos en temas líricos. "Os galegos teñen a sorte de ademais do castelán, contar coa lingua galega, que ten unha musicalidade como ningunha outra,". É máis, "Basta cuns meses en Galicia para escribir ben", dixo moi serio, o que provocou amplas gargalladas entre o público. En relación ao poemario de Vilela declarou terse quedado "alucinado con el" e cualificou a obra como "un libro magnífico".

Para a autora, este libro representa unha nova etapa, máis persoal pois ata agora, pola súa sensibilidade cos demais, sempre fora "os ollos doutros"; de nenos en guerras, de viúvas en momentos difíciles, de náufragos a punto de afogar... Nesta ocasión e tras visitar a praia de das Catedrais, descubriu que era hora de "deixar que o mar se apartase para quedar ela ao descuberto". A obra contén catro partes que poderían ter sido escritas por catro mulleres diferentes, ou por unha mesma muller que tivese experimentado esas catro etapas, que é o caso de Branca Vilela.

19 Novembro 2013
Notas de prensa
Imaxes