Presentado en la Casa el libro "Testimonios gallegos en Madrid" de Luis Miguel Aparisi Laporta

Notas de prensa
11/11/2015
11/11/2015
11/11/2015

Presentado en la Casa el libro "Testimonios gallegos en Madrid" de Luis Miguel Aparisi Laporta

O delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia José Ramón Ónega López presidiu esta tarde a presentación do libro editado pola Asociación Cultural dá Vieira "Testimonios gallegos en Madrid" do enxeñeiro e historiador especializado en temas madrileños, Luís Miguel Aparisi Laporta. A obra é unha recompilación "estatuaria, lapidaria e toponimia conmemorativa"  de Galicia na capital de España. No acto interviñeron, ademais do autor, o presidente honorario da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, Antonio Bonet Correa e o presidente da Asociación Cultural da Vieira, Enrique Santín Díaz.

Para Ónega, "este é un libro importante, imprescindible e moi documentado que vén encher un oco que existía ata agora. É un traballo que condensa o esforzo, o paso, a vida, o xenio dos galegos en Madrid". En relación ao autor achegou os datos máis relevantes da súa traxectoria profesional. Aparisi é enxeñeiro de Telecomunicacións, académico correspondente da Real Academia da Historia, e membro numerario do Instituto de Estudos Madrileños.

Bonet Correa destacou nas súas palabras "a beleza" da arquitectura que deixaron en Madrid os galegos e fixo unha reflexión sobre "a ampla e importante pegada que podemos atopar en edificios, monumentos, rúas e prazas da cidade... e que continúa porque segue habendo insignes galegos que a van a incrementar".

Para Enrique Santín "esta meritoria e paciente obra de recompilación, elección e selección gráfica, fotográfica e literaria da presenza de Galicia e dos seus ilustres fillos na capital de España é un exemplo de que a historia non morre mentres vive no recordo de sucesivas xeracións". Sinalou tamén que "a historia retén o tempo como a retina conserva a imaxe, facéndonos vivir o pasado coma se fose presente". Lembrou ademais, "o apoio incondicional prestado a esta iniciativa polo secretario xeral da asociación, Carlos de Blas, que como madrigallegos que somos, segundo o termo acuñado polo benquerido Borobó, comprácenos recoñecer".

Pola súa banda o autor, Luís Miguel Aparisi explicou que a obra xurdiu por mor de exporse nun xantar se os galegos tiñan nas rúas de Madrid maior ou menor presenza que outras rexións patrias. Para responder "hai de facerse desde a adxectivación matemática, porque non hai datos obxectivos que permitan establecer a estatística". Neste sentido, esta obra é a primeira doutras 16 que agardan na súa axenda para completar o mapa das demais comunidades.

Entre as múltiples curiosidades que recolle o libro está, por exemplo, o escudo de Galicia que o arquitecto Palacios "coou" na fachada do Palacio de Telecomunicacións, hoxe sede do concello de Madrid. É un detalle que pasa desapercibido para o común dos mortais pero que o autor do libro soubo atopar coma se dun xogo se tratase, xusto no centro do enorme escudo de España na porta principal.

11 Novembro 2015
Notas de prensa