Preséntase na Casa de Galicia de Madrid "A flor antiga", última novela do escritor galego Franco Taboada
"A flor antiga", a última novela do escritor galego Arturo Franco Taboada, editada por Pigmalión, foi presentada hoxe na Casa de Galicia-Delegación da Xunta de Galicia en Madrid nun acto no que participaron, ademais do autor, o presidente do Consello de Estado de España, José Manuel Romay Beccaría, o presidente da Fundación Sánchez Ruipérez, César Antonio Molina, o catedrático da Universidade de Alcalá de Henares e escritor José Manuel Otero Lastres, o representante de Pigmalión, editor e escritor Basilio Rodríguez Cañadas e o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega.
Madrid, 7 de xuño de 2012. - "A flor antiga", a última novela do escritor galego Arturo Franco Taboada, editada por Pigmalión, foi presentada hoxe na Casa de Galicia-Delegación da Xunta de Galicia en Madrid nun acto no que participaron, ademais do autor, o presidente do Consello de Estado de España, José Manuel Romay Beccaría, o presidente da Fundación Sánchez Ruipérez, César Antonio Molina, o catedrático da Universidade de Alcalá de Henares e escritor José Manuel Otero Lastres, o representante de Pigmalión, editor e escritor Basilio Rodríguez Cañadas e o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega.
Ónega dió a benvida aos participantes e ao público e leu unhas palabras remitidas por Romay Beccaría, quen escusou a súa ausencia no acto debida a unha viaxe inaprazable, pero quixo participar na presentación transmitindo as súas impresións da obra, de cuxa lectura dixo ter gozado. Recordou que Franco Taboada é arquitecto e que arquitectura e literatura "irmandaron sempre ben". Apreciou que a novela fala de moitas cidades, cita a moitos escritores e novelas, toca moitos temas e nela desfilan moitos personaxes. "Somos o que lemos", afirmou Romay Beccaría, quen por esa razón se confesou "preocupado polos baixos ratios de lectura" dos mozos no país.
Rodríguez Cañadas afirmou que Franco Taboada é un profesional de indubidable prestixio do que opinou que con esta obra está a rubricar unha voz propia e se consolida na literatura, co respaldo de críticos e lectores. Otero Lastre cualificou a obra de novela histórica e resaltou que conta unha historia entrelazada, coherente, que ofrece grande unidade temática e narrativa e manexa unha linguaxe moi rica.
Tamén César Antonio Molina vinculou a cidades e a arquitectura coa literatura e achou que "o relato de Arturo é moi consubstancial coa súa persoa" e que "baseándose en certa realidade constrúe ese lugar que puido ser e non foi". "O libro é como a arquitectura que coñezo de Arturo, moi limpo, moi lineal e nada barroco. É un relato cheo de vida que se le moi ben", engadiu.
Pola súa banda, o autor explicou que tras a súa anterior novela, "O legado do bispo nigromante", quería saír do ambiente lúgubrego e gótico no que transcorre e irse a un mundo máis colorista, ao Caribe. Franco Taboada relatou como lle xurdiu a idea de "A flor antiga" a través de estímulos externos como outra novela e un poema de Rubén Darío sobre o volcán Momotombo, en Nicaragua, ata onde viaxou. Referiuse tamén ao "atractivo extraordinario" da epopea española en América da que dixo que dá idea o feito de que "en menos de setenta anos os españois construíron en América máis de duascentas cidades coa súa correspondente estrutura administrativa, desenvolvida por uns poucos españois e o resto indíxenas".
Sinopse
A novela, prologada polo Premio Nadal e Premio Nacional de Narrativa Alfredo Conde, conta a historia dun profesor de universidade especialista en Urbanismo Colonial que, decepcionado co escaso horizonte de crecemento intelectual que lle ofrece a súa situación, recibe unha mensaxe inesperada, un convite a colaborar nunhas escavacións que se van realizar sobre os restos dunha cidade enterrada baixo a lava e a cinza do volcán Momotombo, na actual Nicaragua. Esta oportunidade bríndalle ao profesor unha ocasión única: analizar sobre o terreo os posibles restos dunha das primeiras cidades coloniais en estado orixinal; unha Pompeya del Nuevo Mundo.
Investigando sobre a época na que sucedeu a catástrofe, en 1686, o profesor tropézase cun feito de armas de gran transcendencia para o porvir do Imperio Español. A primeira revolución, golpe de Estado no Novo Mundo, contra os intereses da coroa. Os irmáns Contraeras, netos do gobernador Pedrarias Ávila, intentando conseguir os tesouros que cruzaban o istmo dende o Pacífico a Portobello no Atlántico, estaban a abrir a porta á pirataría europea que ía fustrigar a España durante tres séculos.