A presidenta del Parlamento Galego, Pilar Rojo, inaugurou na Casa de Galicia en Madrid a exposición "51 páxinas das nosas letras"

Notas de prensa
05/08/2014
05/08/2014
08/05/2014

A presidenta del Parlamento Galego, Pilar Rojo, inaugurou na Casa de Galicia en Madrid a exposición "51 páxinas das nosas letras"

-

A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, o presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, e o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, participaron esta tarde na inauguración da exposición "51 páxinas dás nosas letras", que se exhibe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia ata o próximo día 30. Ao concorrido acto, que superou con amplitude o centenar de persoas, asistiron, entre outros, o vicepresidente e o secretario do Parlamento de Galicia, deputados galegos e os autores das medallas, Manuel Ferreiro Badía e Siro López.

A exposición, impulsada polo Parlamento de Galicia coa colaboración da Real Academia Galega e a Xunta de Galicia, forma parte da colección do Parlamento de Galicia e consta de 51 medallas en baixo relevo das caricaturas das personalidades ás que lle foi dedicado o Día dás Letras Galegas, dende que fose instaurado en 1963, así como paneis e diferente tipo de material informativo sobre os 51 autores homenaxeados ata o momento. As medallas son obra do escultor e medallista Manuel Ferreiro Badía e foron feitas a partir dun debuxo de Siro López.

O delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega, mantivo que "falar das Letras Galegas é falar da esencia mesma de Galicia" e que "sen literatura non existe a cultura, sen autores non hai país". "Estes homes e mulleres que escribiron Galicia son os testemuños do tempo. Dixo Foscolo que ´ os poetas non comezan a vivir ata que morren ´. Eu engadiría que os bos nunca morren. Os bos sempre están connosco", valorou.

“As medallas que reproducen as efixies dos escritores son un pálpito do latexar do país, efixes que nos dan a imaxe dos homes e mulleres que souberon contar Galicia, cantar Galicia e falar de Galicia, no só para o noso solar galaico senon para o mundo”, sinalou.

Pilar Rojo resaltou que a mostra foi concibida con vocación itinerante, para "mostrar nosa gran riqueza cultural" e mantivo que "é un luxo contar cunha colección destas características". "A Colección de Medallas das Letras Galegas, impulsada polo Parlamento de Galicia, e que cada ano se enriquece coa representación do rostro do escritor ou escritora homenaxeado cada 17 de maio, é única no mundo. A mostra é única tamén porque poucas exposicións poden presumir de mostrar textos elaborados pola flor e nata da súa intelectualidade, xa que os perfís que acompañan a cada unha das medallas son obra de académicos numerarios ou correspondentes da Real Academia Galega", explicou.

Rojo fixo un aceno ao público madrileño ao referirse aos vínculos que algúns dos autores homenaxeados nesta mostra tiveron con Madrid, cidade na que viven e viviron moitos galegos. Observou así mesmo que aínda que a colección se abre coa homenaxe a Rosalía de Castro, entre os 52 homenaxeados que recolle -incluíndo xa o deste ano a Díaz Castro- só hai tres mulleres. Neste sentido expresou o seu desexo de que dentro doutro medio século, cando se celebre o primeiro centenario do Día das Letras Galegas, o protagonismo feminino terá crecido exponencialmente.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, referiuse á exposición como "unha ollada cara á memoria colectiva arredor das nosas letras". "É a memoria dos 51 persoeiros homenaxeados cada 17 de maio, pero tamén constitúe un percorrido selecto polo mellor da nosa literatura e da nosa creación lingüística e cultural de todos os tempos, dende os poetas medievais ata o século XX," afirmou. "Nestes retratos -engadiu- recoñecemos o noso patrimonio literario e podemos poñer de manifesto que contamos cunha produción cultural excelente ao longo da historia".

Pola súa banda, o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, resaltou que se trata dunha colección completa de medallas, incluíndo a de Díaz Castro, que corresponde a este ano, e que a exposición foi moi visitada en Galicia, especialmente por escolares, subliñando a importancia de facer novos lectores. Adiantou así mesmo que está previsto que a exposición visite Barcelona “e outros sitios do mundo da emigración galega”.

Tamén se referiu á dificultade que entrañou redactar as descricións dos autores que acompañan ás medallas, porque había que sintetizar en moi poucas palabras a vida e a obra de cada autor, labor que foi realizado na RAG. Ademais, valorou que noutras comunidades e países o día grande conmemora algunha hazana militar mentres que en Galicia está vinculado á palabra; "sandiecisietedemayo", chamouno.

08 Maio 2014
Notas de prensa
Imaxes