Ramón Sánchez Ocaña: "Alicia Antón pinta emocións"

Notas de prensa
12/02/2014
12/02/2014
02/12/2014

Ramón Sánchez Ocaña: "Alicia Antón pinta emocións"

"Os seus cadros parecen reclamar silencio. Alicia Antón garda detrás de cada lenzo, entre as súas pinceladas, esa emoción calada que se esconde nesas rúas baleiras, nesa visión dun tempo que se foi", dixo o popular xornalista e escritor Ramón Sánchez Ocaña da obra da artista na inauguración da mostra, na que tamén interviñeron o coordinador de Actos Culturais da Casa, Ramón Jiménez e a propia autora.

"Alicia pinta emocións en forma de rúa retorcida, ou de casa semiabandonada. A súa pintura non se pode encadrar porque son moitas á vez", sinala Sánchez Ocaña da obra de A. Antón, e destacou tamén a súa capacidade pictórica: "Abóndalle a popa dun barco para pintar todo un porto", ademais, "Son obras que invitan á reflexión".

Pola súa banda, Jiménez recordou que a pintora é a segunda vez que expón nesta Casa, pois a primeira foi no mes de xuño de 1996: "sentímonos moi honrados co seu regreso; pasaron dende entón 18 anos longos e é coma se Alicia quixese celebrar connosco unha maioría de idade pictórica, o cal non é así exactamente. É certo que Alicia é nome de nena, pero xa naqueles tempos era unha magnífica artista que madurara longamente entre pinceis; se acaso eramos nós os nenos, pois acababamos de cumprir 4 anos nestas instalacións" dixo, aludindo a que a Casa fora inaugurada no 1992.

Para o coordinador, a obra de Alicia experimentou "unha evolución marabillosa, palabra esta última tan asociada ao nome de Alicia". Engadiu que se trata da mesma artista de entón pero "máis grande se cabe, máis rica e iluminada. Coma se tivese cambiado os puntos de luz da súa antiga casa e engadido tapices e alfombras. E é que Alicia pertence á estirpe dos creadores vocacionais, dos que nunca se conforman e buscan sempre o crecemento persoal, dos que se deixan arrastrar polo vento forte de León Felipe que lles leva ao seu sitio, deses cuxa man se confunde co pincel e son pincel e carne e non se sabe quen manexa a quen. Porque sintonizaron coa arte con maiúsculas e se mexen ao compás dunha voz interior que lles indica quizais non como executar a súa obra pero si se esa obra está realizada de acordo aos seus designios máis íntimos, que non se saben explicar pero que cando se cumpren lles conceden un sosego momentáneo".

A mostra de pintura de Alicia Antón, compóñena preto dunha trintena de óleos entre os que, xunto a súa persoal visión das paisaxes,-moitas delas galegas-, están os seus cadros figurativos, especialmente en torno á muller. Para a artista, o máis importante, sen menosprezar a cor, é a expresión. Na súa última etapa está a facer incursións no mundo abstracto.

A obra de Alicia Antón poderá verse nas Salas A e L da institución galega en Madrid ata o 30 de decembro, os laborables de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas. Domingos e festivos de 10 a 14 horas.

02 Decembro 2014
Notas de prensa