Ramos destaca o valor da solidariedade na apertura da asemblea xeral da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago

Notas de prensa
09/06/2025
09/06/2025
06/09/2025

Ramos destaca o valor da solidariedade na apertura da asemblea xeral da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago

O director da Casa de Galicia en Madrid destacou o apoio da Xunta de Galicia ás entidades que traballan na defensa e promoción das rutas xacobeas

O director da Casa de Galicie en Madrid recibiu aos asistentes á asemblea xeral extraordinaria da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, que se reuniu esta mañá na sede da Xunta en Madrid.

Luis E. Ramos agradeceu o traballo da Federación e das distintas asociación de amigos do Camiño de Santiago na defensa e difusión das rutas xacobeas, que suman máis de 80 mil quilómetros en 28 países europeos. Ramos destacou “a promoción da lingua e da cultura galegas, da nosa economía e do noso turismo” como obxectivos da Casa de Galicia e cualificou moi oportuno acoller a celebración desta asemblea.

Neste sentido, o director da Casa de Galicia destacou o papel singular do Camiño de Santiago, que definiu como “un dos mellores embaixadores de Galicia no Mundo, un camiño de riqueza cultural que deixou pegada na historia, que nos sitúa como destino e que difunde a nosa imaxe” e engadiu que todo isto ”sen dúbida, ten un impacto notable na economía de Galicia”.

Ramos fixo referencia ao constante incremento do número de peregrinos e salientou que “un dos éxitos do Camiño está nesa convivencia respectuosa das persoas que chegan movidas pola fe, pola busca de experiencias ou calquera outra motivación”. Ademais, salientou “o valor da solidariedade do Camiño”, e puxo como exemplo “a xenerosidade dos voluntarios hostaleiros que abriron os albergues no Bierzo para acoller aos brigadistas desprazados para combater os incendios forestais”.

O responsable da representación da Xunta rematou a súa intervención desexando  que a reunión de hoxe sexa de proveito e que a Federación poida seguir avanzando na constitución da Fundación San Pedro de Villasirga, unha figura xurídica a través da que queren impulsar a recuperación da Igrexa de San Pedro. Este templo data do século X e que sufriu sucesivas modificacións ao longo da historia. Está situado no concello de San Pedro de Villasirga, na provincia de Palencia, en pleno Camiño Francés.

06 Setembro 2025
Notas de prensa
Imaxes