Ribadeo presenta a campaña turística #Ribadeoxqsí
Con motivo da celebración da Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid, o Concello de Ribadeo preséntase vivo na rede como destino turístico a través da súa nova campaña #Ribadeoxqsí. O lugar elixido para a presentación foi a Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia, onde acudiron máis de trescentas persoas.
O acto de presentación contou coa participación do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, que lembrou a súa orixe lucense e a súa presenza recente en Ribadeo como pregoeiro das Festas da Virxe do Carme, deu a benvida á Casa á delegación que encabezou o alcalde ribadense e deséxolle éxito na súa campaña.
Na súa intervención, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, fixo referencia ao monumento natural máis representativo da localidade, a praia de As Catedrais. "Sabemos que o noso elemento bandeira é o areal de As Catedrais, que estamos no momento idóneo. Ademais somos conscientes do noso gran potencial, un potencial excepcional, tanto natural como cultural, tanto dinámico como vivo. E chegou a hora de mostralo, de conectar, aínda máis se cabe co mundo e afianzarnos como destino próximo".
Durante o acto, que se puido seguir en directo a través de "streaming", deuse a coñecer a nova páxina web de turismo institucional, así como o novo vídeo promocional. Estableceuse conexión en directo con "embaixadores", ribadenses en diferentes países, e arrincou de maneira oficial a nova campaña #Ribadeoxqsí, que pretende dar a coñecer os motivo principais polos que visitar Ribadeo, con especial atención ás novas vías de promoción "online".
A concelleira delegada, Ana María Martínez, sinalou que Ribadeo tanto con sol como con choiva ofrece a posibilidade de vivir grandes momentos. "Presentamos unha proposta transcendente, fisicamente bonita e emocionalmente potente".
O acto pechouse cunha mostra gastronómica a cargo de restaurantes da localidade e os asistentes tiveron a posibilidade de participar nun photocall pousando con imaxes típicas de Ribadeo que representan un Ribadeo natural, cultural, vivo e próximo.