Santín, Palomares, Reigosa e Ónega debaten na Casa de Galicia sobre as patoloxías dos políticos

Notas de prensa
11/13/2013
11/13/2013
13/11/2013

Santín, Palomares, Reigosa e Ónega debaten na Casa de Galicia sobre as patoloxías dos políticos

 "A patoloxía dos políticos" é o título dun libro recente do escritor e empresario Enrique Santín e o da mesa redonda que con motivo da publicación dese libro se celebrou hoxe na Casa de Galicia en Madrid. Nela participaron, ademais do autor do libro, os escritores e xornalistas Alfonso S. Palomares e Carlos G. Reigosa e o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, que moderou o encontro, ante numeroso e relevante público, entre o que se achaban o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, e o ex ministro Rodolfo Martín Villa.

Madrid, 13 de novembro de 2013. - "A patoloxía dos políticos" é o título dun libro recente do escritor e empresario Enrique Santín e o da mesa redonda que con motivo da publicación dese libro se celebrou hoxe na Casa de Galicia en Madrid. Nela participaron, ademais do autor do libro, os escritores e xornalistas Alfonso S. Palomares e Carlos G. Reigosa e o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, que moderou o encontro, ante numeroso e relevante público, entre o que se achaban o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, e o ex ministro Rodolfo Martín Villa.

Ónega valorou que o libro de Santín debería estar nas mesas de noite de todos os políticos e dos que aspiran a selo e ser de obrigada lectura en universidades e en partidos políticos. "Santín fai gala dunha pluma áxil, reflexiva e elegante de profesor afeito aos clásicos e á autoridade, tanto de estilo coma de funcionamento", manifestou, engadindo que a obra resume o que é a política e o que deberían ser os políticos.

Palomares dixo ter sacado do libro o convencemento de que o que o autor "quere formular para o futuro é que a vida sexa libre para cada un e xusta para todos e que este é o fin que deben perseguir todos os políticos". "É un libro froito da vida. Este libro non se escribe de adolescente", sostivo. Tamén defendeu que unha sociedade non é democrática se non conta cunha prensa libre.

"Se don Alfredo Pérez Rubalcaba tivese lido este libro, non tería optado por ´ remitir ao transcurso do tempo a solución dos problemas ´ porque isto é caer nun fatalismo ou nun voluntarismo falso e perigoso", apreciou Reigosa, quen resaltou que no libro se manifestan 106 formas de patoloxías e o comportamento que as emenda. Afirmou que o libro é oportuno e completo, contén "toneladas de sentido común e de agudeza intelectual" e está escrito cun estilo directo e divertido. Por outra parte, admirouse de que as súas notas coincidisen coas de Ónega en considerar que debería ser de lectura obrigatoria para os políticos.

Santín agradeceu a presenza dos participantes na mesa e dos asistentes ao acto e referiuse á Casa de Galicia como "fogar e foro de cultura de Galicia en Madrid" e "nave insignia e capitá da galleguidad".

Respecto ao libro, recoñeceu a Palomares que non é froito dun día senón da súa longa traxectoria vital, a pesar do cal, sinalou, "foi feito dun tirón, ás beiras do Texo, nunha semana en Lisboa na que facía mal tempo" e se vió obrigado a recluírse no hotel.

Aproveitando a presenza dos dous prestixiosos xornalistas que o acompañaron na mesa, Santín subliñou "a excelencia do periodismo auténtico que eles representan e cuxos piares fundamentais son: autonomía de pensamento; independencia de criterio e espírito crítico". "Pero eses tres piares da información e o periodismo só son posibles nunha sociedade plural, aberta e democrática. A crítica xornalística é tan esencial á democracia como a censura o é á ditadura", advertiu.

Cun apaixonado discurso, Santín defendeu que "os medios de comunicación social, en todas as súas modalidades, sempre que sexan e se exerzan con liberdade e responsabilidade, constitúen o maior bastión fronte aos abusos do poder"; que "de non ser pola liberdade da información, moitos dos males da nosa sociedade e moitos dos abusos e erros dos nosos políticos quedarían ocultos ou, o que é peor, impunes" e que "a liberdade política da persoa e o recoñecemento da súa dignidade como cidadán, necesitan, en suma, da división de poderes, a liberdade de prensa e a acción popular ou cidadá".

 

 

13 Novembro 2013
Notas de prensa