A secretaria xeral de Sanidade, Pilar Farjas, presidiu na Casa de Galicia en Madrid a clausura do Ciclo de conferencias Medicina e Saúde
- O cardiólogo, membro da Real Academia de Medicina de Galicia e presidente de Asomega, Francisco R. García Fernández, ofreceu a conferencia "A medicina do corazón no século XXI. Avances en cardioloxía"
- "Todos os factores de risco vascular poden dar a cara nunha revisión antes de provocar un desastre", advirte García Fernández, último conferenciante do Ciclo
Madrid, 26 de xaneiro de 2012. - A secretaria xeral de Sanidade, Pilar Farjas, presidiu hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia a clausura do Ciclo de conferencias Medicina e Saúde, acompañada pola conselleira de Sanidade de la Xunta de Galicia, Rocío Mosquera, o ex ministro de Sanidade José Manuel Romay Beccaría, o profesor xefe de Medicina Nuclear do Hospital Xeral Universitario Gregorio Marañón e director e coordinador do ciclo, José Manuel Pérez Vázquez, o cardiólogo, presidente da Asociación de Médicos Galegos en Madrid (Asomega) e último conferenciante do ciclo, Francisco R. García Fernández, e o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega.
Farjas expresou a súa satisfacción por participar no acto no que García Fernández ofrecía a conferencia de clausura, "A medicina do corazón no século XXI. Avances en cardioloxía" e destacou o nivel do sistema sanitario público español e os principios de universalidade, equidade e solidariedade sobre os que se constrúe, especialmente nun momento de crise que esixe transparencia. Segundo Farjas, tanto o Ministerio e os seus departamentos coma as comunidades autónomas áchanse comprometidos con eses principios no sistema sanitario e co nivel de excelencia das súas prestacións, facéndoas compatibles coa súa sostibilidade.
A secretaria xeral mantivo que para iso se necesita o apoio dos profesionais da sanidade, cuxo labor eloxiou, para "protexer e blindar o sistema" nun momento de dificultades. Valorou así mesmo que actividades divulgativas sobre a medicina e a saúde, como o ciclo que se clausuraba, nos axudan a facer máis sanidade, máis Galicia e máis España".
Mosquera tamén descatou o valor que a saúde ten para todos e o gran prestixio do sistema sanitario público español en todo o mundo. Afirmou o compromiso do Goberno de Galicia coa sanidade pública, "coa clara vontade de traballar cos profesionais e implicar os cidadáns". Defendeu tamén unha xestión rigorosa e eficiente que asegure a súa sostibilidade e recordou algunhas das medidas comprendidas no Plan de Estratexia Sergas 2014. "Tomamos decisións valentes, beneficiosas para o sistema", mantivo, sinalando ao capítulo do gasto farmacéutico como un dos que máis posibilidades de actuación ofrecía e no que dixo que se conseguiu un aforro de 102 millóns de euros en 2011 e que a prescrición de xenéricos pase de menos do 10% en 2008 a máis do 34%.
Ónega recordou que o ciclo clausurado por Farjas tras a conferencia do cardiólogo García Fernández veu desenvolvéndose ao longo do ano 2011 ata agora e comprendeu catorce brillantes conferencias impartidas por destacadas e ilustres personalidades da Medicina, subliñando a aspiración divulgativa que o presidiu. Agradeceu así mesmo a súa participación a todos os protagonistas deste e a presenza de Farjas, Mosquera e Romay Beccaría para a súa clausura.
Evitar o desastre vascular
"Todos os factores de risco vascular poden dar a cara nunha revisión antes de provocar un desastre", advertiu o cardiólogo, académico da Real Academia de Medicina de Galicia e presidente de Asomega, Francisco R. García Fernández nun momento da súa conferencia ao numeroso público que seguiu o acto, explicando que "a historia clínica delimita o risco, as exploracións complementarias cércano, o control clínico correcto e a disciplina do paciente deben convertelos en manexables e, en calquera caso, despoxalos de fatalidade".
Segundo García Fernández, "cada persoa ten un perfil de cardiópata cuxa evolución pode ser razoablemente predicible coa salvidade de que algúns trazos de herdanza aínda nos axexan dunha forma caprichosa", polo que "o coñecemento e a identificación do risco persoal, os cambios no modo de vida e o control clínico correcto son moi agradecidos se se fan ben e a tempo".
O cardiólogo explicou que cando falamos de factores de risco coronario expresamos problemas que poñen en perigo a vida. Neste sentido sinalou que a obesidade, a diabete, o colesterol, o tabaquismo, a hipertensión e o estilo de vida actual - "vivimos sentados e sufocados por todo" - "provocan directamente dano nas arterias e, de todas elas, as máis sensibles coas cerebrais e as que regan o propio corazón".
García Fernández mantivo que o risco coronario é case sempre previsible e moitas veces pódese reducir ata límites tolerables que non fagan perigar a integridade do corazón. Advertiu de que aínda que na actualidade a calidade do arsenal terapéutico en cardioloxía é moi superior a calquera outra especialidade, "o maior éxito se consegue cando identificas precozmente os factores de risco e cando os podes manexar e reconducir antes de que sexa demasiado tarde".