A Xunta dedica en Madrid unha mostra antolóxica a Carlos Bóveda
A Xunta de Galicia en Madrid rende homenaxe ao pintor Carlos Bóveda, que viviu máis de 40 anos en Arxentina, cunha exposición antolóxica da súa obra nas tres salas da delegación, oito anos despois do seu falecemento. O emotivo acto contou coa asistencia da súa viúva, Sara Paz e a súa filla, Sol Bóveda Paz.
A inauguración da mostra correu a cargo do delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega, e nel interviñeron, o coordinador Cultural da Casa, Ramón Jiménez e a viúva de Bóveda, Sara Paz Seco. Para Ónega, "o frío do día queda compensado polo cálida que é a obra de Bóveda"; e recordou unha cita de Chagall na que dicía de Picasso que era un grande artista pero que era unha pena que non soubese debuxar, algo que non lle acontece a Carlos Bóveda, que “ademais de grande artista, era tamén un extraordinario debuxante".
Jiménez, nas súas palabras achegou algúns datos biográficos do artista, que naceu en Pontecesures, Padrón, provincia da Coruña, en 1933; estudou na Real Academia de San Fernando de Madrid e traballou como decorador de Cerámica Celta e debuxante nos xornais Faro de Vigo e La Noche. A súa pintura reflectía imaxes de Galicia, realistas e dinámicas. En 1962 emigrou a Bos aires, onde desenvolveu o seu paisaxismo. En 1992 creou a Sociedade de artistas Hispano-Arxentinos, a SAHIA. Participou en moitas mostras de arte e en outubro de 2002 volveu á súa Galicia natal coa exposición “Reencontro”, en Santiago de Compostela. Pouco despois, en 2004, se produciría o seu falecemento.
"Bóveda era un tipo entrañable que falaba con paixón do que facía, da súa pintura, dos seus cadros e tamén da súa familia. Pero nada máis. Nin se vendía nin permitía que ninguén o vendese (promocionalmente falando, enténdese)... Era un gran artista pero un pésimo relacións públicas", sinala no prólogo do catálogo José Antonio Pérez Docampo, subdirector De El Correo Gallego, quen o coñeceu persoalmente sendo un novo xornalista "alá polos 80".
Pola súa banda, Sara Paz, tras os afectuosos agradecementos, definiu a Bóveda como un "home sinxelo, ao que, nin lle interesaban, nin aceptaba honras". O orgullo maior para él, e que levaba a todas as partes "era o feito de ser galego, algo que trasladou á súa pintura durante toda a súa vida,". Paz explicou que a pintura de Bóveda foi evolucionando ao mesmo tempo que o ía facendo Galicia xa que a visitaban con certa periodicidade e se "empapaba dela en cada viaxe" para logo pintala. "Era coma se bebese dela".
Para Carlos Bóveda, o importante era o "sentimento", como quedou probado cando rexeitou un "proxecto fabuloso", segundo a súa dona. "Non quixo aceptar pintar durante un ano en Israel con garantía de compra a prezo de mercado de toda a produción que realizase". Paz explicou que a única resposta para rexeitar o marabilloso ofrecemento foi que non podía facelo. "Eu só pinto o que sinto", díxolles, e non aceptou.
A antolóxica da Xunta en Madrid está montada para seguir a evolución do pintor, coas obras distribuídas sala por sala, e poderá visitarse ata o 30 de decembro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Domingos e festivos, de 10 a 14 horas.