A Xunta enxalza o labor das entidades galegas en Madrid visibilizando o talento profesional, empresarial e cultural da colectividade no mundo

Notas de prensa
01/20/2025
01/20/2025
20/01/2025

A Xunta enxalza o labor das entidades galegas en Madrid visibilizando o talento profesional, empresarial e cultural da colectividade no mundo

A xuntanza, celebrouse na Casa de Galicia e participaron preto dunha vintena de asociacións culturais e profesionais que desenvolven o seu labor na capital de España

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e do director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, mantivo esta tarde un encontro con diferentes entidades galegas, no que participaron preto dunha vintena de asociacións culturais e profesionais que desenvolven o seu labor na capital de España.

Durante a xuntanza, celebrada na Casa de Galicia en Madrid, o conselleiro de Emprego puxo de relevo os vencellos históricos entre Galicia e Madrid, lembrando que esta última foi e segue sendo na actualidade unha segunda casa para miles de galegos e galegas, consolidando —afirmou— unha relación baseada no respecto mutuo, o traballo e o progreso conxunto.

Neste marco, eloxiou o labor que desenvolve o sólido tecido asociativo representado na recepción de hoxe, fundamental non só para potenciar os lazos da colectividade galega na capital e seguir atraendo ás novas xeracións, senón tamén para contribuír á difusión da cultura e das tradicións de Galicia. Así mesmo, puxo de relevo o papel crucial das entidades empresariais e profesionais galegas, destacando que son unha mostra viva do talento, das grandes capacidades e do espírito emprendedor que atesoura a Comunidade e que trascende fronteiras. 

Durante a súa intervención, o titular de Emprego, Comercio e Emigración lembrou que a Xunta mantén un forte compromiso coa colectividade galega en España e no mundo, apoiando de xeito constante o labor das entidades que a representan para asegurar que sigan sendo un punto de referencia e de encontro. Ademais, incidiu en que a colaboración público-privada é un motor fundamental para o progreso e que contribuír a promover este traballo conxunto redunda no beneficio de todos e fortalece os lazos entre Galicia e Madrid, ademais de ser unha oportunidade para a proxección internacional do talento e dos valores da nosa terra.

No marco dos apoios que impulsa á Xunta a prol das institucións galegas do exterior —con axudas específicas para contribuír aos seus gastos de funcionamento ou ás súas diversas actividades— lembrou que os orzamentos de 2025 da Consellería inclúen dentro da batería de medidas que se desenvolven cada ano ao abeiro da Lei de Galeguidade unha ampliación de 500.000 euros para reforzar a promoción da cultura, da artesanía e dos produtos galegos fóra das nosas fronteiras a través precisamente da colaboración cos centros e entidades galegas. Unha medida, indicou José González, coa que seguir tendendo pontes coa colectividade galega e reforzando o papel dos centros galegos como aliados neste fin e embaixadores da imaxe de Galicia. 

20 Xaneiro 2025
Notas de prensa
Imaxes