A Xunta presenta en Madrid a iniciativa para incorporar Artesanía de Galicia como soporte da gastronomía

Notas de prensa
10/15/2025
10/15/2025
15/10/2025

A Xunta presenta en Madrid a iniciativa para incorporar Artesanía de Galicia como soporte da gastronomía

A Casa de Galicia en Madrid acolleu unha mesa redonda sobre Artesanía no Prato, unha iniciativa pioneira impulsada pola Xunta dende o ano 2013 co obxectivo de incorporar a Artesanía de Galicia aos menús de recoñecidos cociñeiros e cociñeiras. Este proxecto está conseguindo establecer sinerxías e colaboracións entre profesionais dos dous ámbitos. No relatorio participaron o director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, a directora xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, a ceramista Ana Tenorio, do obradoiro Witchneeds (Vigo), e a comisaria e consultora de artesanía contemporánea en A Mano, Macarena Navarro-Reverter, que é ademais autora dos textos do libro Artesanía no Prato.

Artesanía no Prato é un proxecto pioneiro en España co que se consegue unir dous ámbitos vinculados ao territorio e á produción local de xeito que se enxalcen mutuamente. Esta conleva a mellorar a experiencia sensorial para o consumidor e engadir singularidade e exclusividade. A través da gastronomía, Artesanía de Galicia consegue chegar a públicos que aprecian a autenticidade e a autoría que hai detrás das pezas e dos menús, mentres que os cociñeiros conseguen que o deseño dos soportes artesanais se axusten ás súas necesidades e lles permitan destacar o que queren comunicar en cada prato. 

No ano 2023, co obxectivo de reflectir dez anos de traballo conxunto entre profesionais da artesanía e da gastronomía, a Xunta editou o libro Artesanía no Prato, no que se amosa que son numerosos os obradoiros artesanais que colaboran con cociñeiros para crear vaixelas exclusivas e pezas personalizadas. A publicación conta cunha edición ampliada deste mesmo ano na que se inclúe unha escolma de fotografías de Stephane Lutier sobre pratos realizados por 15 restaurantes galegos. Nesta amósanse pezas de 33 obradoiros de Artesanía de Galicia, especializados en cerámica, en coiro, en madeira, en cestería, en pedra, en olería tradicional, en vidro e na elaboración de coitelos. Ademais esta publicación recolle tres casos exitosos de colaboración entre profesionais da artesanía e da gastronomía, entre as que se atopa a ceramista Ana Tenorio e a súa colaboración co chef Pepe Solla.

Exposición Casa de Galicia

Esta mesa redonda forma parte do programa de actividades da mostra Artesanía no Prato que se pode visitar ata o día 30 de outubro na Casa de Galicia en Madrid. Trátase dunha exposición de fotografías de Stéphane Lutier que reflicten a esencia do proxecto e o proceso de integración nos espazos gastronómicos. Ademais a mostra inclúe un bodegón de pezas artesanais de diferentes oficios que representan o bo funcionamento e os resultados do proxecto. A exposición poderase visitar en horario de 10:00 a 14:00h e de 16:00 a 21:00h, de luns a sábado, e de 10:00 a 14:00h os domingos. 

 

15 Outubro 2025
Notas de prensa
Imaxes