Presentación e degustación de filloas da pedra, pola Asociación Filloas de Pedra da Baña
Estarán presentes no acto: Mónica Tomei Rey, secretaria da Asociación Filloas de Pedra da Baña; José Manuel Mallón Ardións, cociñeiro profesional e membro da asociación; e José Andrés García Cardeso, alcalde do Concello da Baña.
Tras anos de traballo de maneira voluntaria en prol da filloa da pedra, creouse a Asociación Filloas da Pedra da Baña. Esta asociación recolleu a tradición de cociñar sobre unha pedra un produto tan galego como son as filloas, costume que os veciños da Baña conservaron ao longo de moitos anos, convertendo en arte a elaboración dunha masa de auga, fariña ovos e sal callada sobre a pedra quentada con leña de carballo, o que lle imprimiu a este produto gastronómico unha particularidade única.
Actualmente en A Baña fanse filloas en pedras que levan traballando moitos anos, nalgúns casos máis de 200, xeración tras xeración, xa que nos arquivos dos Trastámara, antigos señores feudais desta comarca, aparecen pagos de rendas en forma de cestas de filloas. As filloas da pedra, do mesmo xeito que as outras filloas, eran ata o de agora comida de entroido; sempre foron asociadas á festa do Entroido, tanto para acompañar ao cocido como de sobremesa. O labor da asociación consiste, sobre todo, na promoción e divulgación da filloa da pedra como produto artesán e na mellora da súa calidade, e en levalas máis aló das fronteiras do seu concello, estendéndoa a toda Galicia, a España e mesmo a Europa.