A Casa de Galicia inaugura o outono madrileño co "magosto máis doce da historia"
A Casa de Galicia en Madrid acolle desde este xoves o programa de actividades 'Toma Castaña. Galicia', co que pretende poñer en valor este produto autóctono de calidade e que é un dos que protagoniza o outono galego. Na inauguración, o director da Casa de Galicia, Luis E. Ramos, destacou a riqueza paisaxística e ambiental que achegan os castiñeiros na nosa comunidade e o atractivo turístico que representan. Ademais, avanzou algunhas das posibilidades gastronómicas da castaña e os seus derivados.
Na mostra, que estará aberta ata o 30 de outubro, ademais da colección de castiñeiros incluídos no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, inclúense pezas de artesanía relacionadas coa castaña e a representación dun Souto que atraeu a atención das máis de 100 persoas que asistiron á inauguración.
A primeira actividade foi a presentación do pasado galego da cadea de restauración Viena Capellanes, que ademais ofreceu a degustación do doce 'Más de 150 castañas', elaborado para esta ocasión. Os asistentes puideron saborealo co viño 'Doce' da adega do Ribeiro Coto de Gomariz.
O director da Casa de Galicia agradeceu a colaboración neste proxecto das Consellerías de Medio Ambiente, Medio Rural e Educación, así como de Turismo de Galicia, Artesanía de Galicia e AGACAL. Tamén tivo palabras de agradecemento para a IXP Castaña de Galicia, Viena Capellanes e Coto de Gomariz. Ao acto acudiu o secretario xeral de Educación, Manuel Vila, deputados e senadores, e representantes das entidades galegas en Madrid.
A partir deste venres, na Casa de Galicia estará dispoñible un novo Galiverso, unha viaxe virtual que permitirá visitar desde o corazón de Madrid a Fraga de Catasós, onde se atopan os castiñeiros máis altos de Europa.