Presentación en Madrid do libro "La fauna en la obra de Ruibal"
"Velaquí un gran libro que non se le senón un gran libro ao que se asiste. O lector é un visitante, a lectura un percorrido", dixo o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega López na presentación do libro La fauna na obra de Ruibal, publicado polas editoriais Bricmas e Follas Novas. No acto interviñeron tamén o crítico de arte Tomás Paredes, o editor Carlos Docampo e o propio artista Manolo Ruibal. Para Ónega, Ruibal é "un pintor e poeta da pintura que recreou unha Historia Natural" e citando a Hermann Hesse engadiu, que "a arte é a contemplación do mundo en estado de graza".
Docampo explicou o proceso creativo da obra, que se xerou "hai máis de dous anos, cun grande entusiasmo", e fixo unha breve descrición da ficha técnica na que figura o formato "pouco habitual de 33 X 33 cm, as páxinas, 336 e o peso, 4,5 Kg" datos que xa achegan unha idea aproximada da publicación. Ademais, foi realizada dunha "forma case artesanal, co pintor a pé de máquina que coidaba que a gama cromática fose a perfecta en cada prego". O editor agradeceu que aínda queden persoas que confían nos libros como soporte, "algo que se está a converter nunha especie de milagre".
Tomás Paredes fixo algunhas reflexións sobre os libros e sobre o arte, especialmente o contemporáneo, dentro do o cal estaría enmarcado o de Ruibal. "Hoxe en día cuestiónase todo e coa arte conviven moitas ocorrencias". Destacou a capacidade e o dominio da pincelada do artista galego, que "cunha liña é capaz de abranguer o mundo". En relación ao libro comentou que "non está feito para demostrar nada e é dun calado dos que xa non se fan. É un obxecto de admiración, un libro necesario que será testemuño dun artista, un momento e unha época".
A presentación pechouse coa proxección do libro, que puido ser admirado páxina a páxina en grandes imaxes.
Ruibal, pintor, escultor e poeta, naceu en Barro, Pontevedra, e con 17 anos, co diñeiro que conseguiu por un cadro trasladouse a Madrid, onde estudou e se empapou dos grandes do Museo do Prado. Logo viviu en París, Roma, Nova York... e en cada unha das grandes cidades, sempre vivindo no centro, tomou canto lle transmitiron e trasladouno ás súas obras. Finalmente regresou á súa Pontevedra natal, onde segue creando. Na súa última etapa bebe da natureza pola que pasea cos seus cans. Toma os referentes para as súas obras, de gran formato, da natureza actual pero tamén da que saborea nos documentais da 2 e sen deixar a que garda na memoria da súa infancia.
Atrás deixou o seu primeiro contacto coa pintura, na Galicia dos anos corenta, cando quedou fascinado co almanaque da farmacia con reproducións de obras de Manet, Van Gogh e Cezánne. Atrás a súa primeira e casual exposición en Murcia onde triunfou. Logo fíxoo en Pontevedra, Compostela e en medio mundo.
Agora goza do coidado libro que recolle preto de 170 reproducións, algunhas con amplos despregables das obras da súa última etapa, e da natureza que o rodea e na que se inspira cada día.