A representación da Xunta en Madrid inaugura a programación de decembro cunha degustación de ‘Galicia sabe Amar’
O director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, inauguraron este serán a nova programación do mes de decembro, que baixo o título ‘La mar de buena. Galicia’ está dedicada á pesca e ás actividades do mar.
Na súa intervención, o director da Casa explicou que este monográfico ‘pretende poñer en valor os produtos do mar de Galicia nun mercado esixente, o de Madrid, e na véspera dunhas celebracións de gran consumo, as do Nadal’. Neste sentido, engadiu que Galicia pode ‘presumir de calidade aquí e en calquera parte do Mundo’.
O conselleiro Alfonso Villares foi o encargado de presentar a campaña ‘GALICIA SABE AMAR’. Na súa intervención enxalzou o bo facer, experiencia e profesionalidade da xente do mar de Galicia así como a calidade e sabor dos produtos pesqueiros procedentes da comunidade. Estes son dous aspectos que trata de promover a iniciativa da Consellería do Mar que iniciou unha nova edición o pasado mes de agosto.
O responsable autonómico, puxo en valor o recoñecemento que teñen o peixe e marisco galegos en toda España e destacou a importancia de fomentar o seu consumo como sinónimo de benestar e calidade de vida nun contexto de progresivo descenso da presenza destes produtos na cesta da compra da cidadanía. Nesta liña, Villares situou á Casa de Galicia como un espazo excepcional onde divulgar máis alá das fronteiras da comunidade, e ao longo do mes de decembro, a riqueza cultural, patrimonial e gastronómica vencellada ao mar.
Este monográfico inclúe a exposición ‘pescARTE’ de artes de pesca en miniatura elaboradas polo patrón maior da Confraría de Pescadores de Bueu, José Manuel Rosas, nas que fai un percorrido histórico da súa evolución como elementos fundamentais da actividade pesqueira.
Tamén está presente a artesanía da man do proxecto ‘Enredadas’, deseñado e coordinado pola Fundación Pública de Artesanía de Galicia. Esta iniciativa foi galardoada co Premio Promociona para entidades públicas nos XI Premios Nacionais de Artesanía do 2016 como exemplo de boas prácticas. ‘Enredadas’ supuxo a xeración de ingresos adicionais para as redeiras mediante a creación de novas liñas de complementos e bixutería así como a colaboración con deseñadores no deseño de novos produtos.
O programa da Casa de Galicia tamén recolle a presentación o luns 9 de decembro do libro ‘La proteína azul’, de Ernesto Penas. O mércores 11 de decembro terá lugar a estrea do documental ‘aMar’ dirixido por Lorena do Merlo co selo ‘Azul de Portosín’.