As vías romanas do Camiño de Santiago, obxeto dunha conferencia na Casa de Galicia en Madrid
As magníficas vías romanas do norte da península, no Camiño de Santiago, estaban preparadas tanto para o transporte rodado de grandes cargas como para o tránsito rápido de vehículos lixeiros. Por elas levouse a Roma o ouro da Gallaecia, entraron produtos doutras partes do mundo, transitou o propio Augusto e, entre outras cousas, desprazouse a peregrinación a Santiago. Hoxe foron obxecto dunha conferencia, "Enxeñaría romana nos Camiños de Santiago", impartida na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia polo enxeñeiro técnico de Obras Públicas Isaac Moreno Gallo.
Madrid, 23 de novembro de 2011. - As magníficas vías romanas do norte da península, no Camiño de Santiago, estaban preparadas tanto para o transporte rodado de grandes cargas como para o tránsito rápido de vehículos lixeiros. Por elas levouse a Roma o ouro da Gallaecia, entraron produtos doutras partes do mundo, transitou o propio Augusto e, entre outras cousas, desprazouse a peregrinación a Santiago. Hoxe foron obxecto dunha conferencia, "Enxeñaría romana nos Camiños de Santiago", impartida na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia polo enxeñeiro técnico de Obras Públicas Isaac Moreno Gallo.
A conferencia enmarcouse dentro do Seminario José Antonio Cimadevila Covelos de Estudios Xacobeos, que se está a desenvolver organizado en colaboración coa Asociación de Amigos dos Camiños de Santiago de Madrid. Moreno Galo estivo acompañado e foi presentado polo presidente da Asociación, José Antonio Ortiz.
O conferenciante explicou que no extremo occidental do imperio xurdiron tres focos augusteos que capitalizaron a importante e estratéxica produción aurífera da bisbarra: Luco, Bracara e Asturica. Todos eles tiveron comunicación terrestre con Roma, a través de Asturica, con Aquitania, a través de Pompaelo, e con Italia, a través de Caesaraugusta.
En todos os casos, estas vías romanas eran magníficas estradas planificadas, proxectadas e construídas por excelentes enxeñeiros cuxa valía quedou ben demostrada nas obras que nos legaron. "O seu trazado e afirmado demostran claramente que estaban preparadas tanto para o transporte rodado de grandes cargas como para o tránsito rápido de vehículos lixeiros", segundo expuxo o técnico, que mostrou aos asistentes as características da infraestrutura viaria romana con exemplos de seccións escavadas e coas identificacións de trazados realizadas nos últimos anos.
Por estas estradas, sinalou Moreno Gallo, levouse a Roma o ouro da Gallaecia, foron e viñeron riquezas e produtos doutras partes do mundo coñecido. "Por elas transitou, tal e como está documentado, o propio Augusto, para comandar a guerra contra os cántabros dende Segisamone (Sasamón), desprazándose para iso dende Tarraco (Tarragona) en máis dunha ocasión. E por elas, acabaron desprazándose os exércitos bárbaros mentres agonizaba a administración que conservaba tan impresionante obra de enxeñaría".
Engadiu que, "aínda que coas súas capacidades estradas cada vez máis minguadas, pola ausencia dos labores de mantemento, por elas foron e viñeron as aceifas mouras, provocando racias terribles ante a debilidade dos reinos que atomizaban o territorio e tamén se desprazaron os exércitos leoneses, casteláns e navarros para pelexar entre se, moitas veces en escenarios épicos, atravesados pola propia estrada,".
E, como non, resaltou, por elas desprazouse a peregrinación a Santiago. "Esa corrente humana que alimentou os reinos cristiáns do norte peninsular coa cultura europea, servindo de cordón umbilical entre España e Europa durante moitos séculos."
Isaac Moreno Gallo é enxeñeiro técnico de Obras Públicas do Ministerio de Fomento. Traballa tamén para diversas administracións públicas, a título de especialista en Enxeñaría Romana, participando en numerosos proxectos de identificación de vías romanas, estudos técnicos de conducións de augas romanas, investigacións sobre a técnica antiga, instrumentos topográficos antigos e outras facetas relacionadas coa enxeñaría romana.